«Para facer posíbel o desenvolvemento dunha comunidade mundial, capaz de realizar a fraternidade a partir de pobos e nacións que vivan a amizade social, é necesaria a mellor política, posta ao servizo do verdadeiro ben común. Por desgraza, porén, a política hoxe adoita asumir formas que atrancan o camiño cara a un mundo diverso».
(Fratelli Tutti, 154)
Así arrancaba o XXXV Foro Encrucillada, na presentación de Chema Fernández Vázquez. Despois do parón imposto pola pandemia, que nos levou a non organizar foro o ano pasado, o 23 de outubro de 2021 retomamos a actividade falando da Teoloxía Política do Papa Francisco.
A intención do foro
Só en dúas ocasións o Foro de Encrucillada centrou o seu tema nunha persoa concreta, e nas dúas ocasións foi no Papa Francisco. A primeira foi ao ser acabado de elixir como papa, no ano 2014, pois daquela viamos alborexar unha nova forma de entender a Igrexa e fixámonos en como lle afectaría á Igrexa galega. Nesta segunda volta, en Encrucillada vemos a necesidade de facer fincapé nas formas de entender a Igrexa e o mundo que nos traslada Francisco, na aposta clara por un papa que, con dor, vemos cuestionado nos ámbitos eclesiais máis rancios e nos medios de difusión conservadores. A reforma de Francisco está tendo demasiadas resistencias dentro da Igrexa e Encrucillada, desde a nosa humildade, queremos alzar de novo a nosa voz para apoiar unha Igrexa libre fronte aos poderes do mundo, unha igrexa mística e comprometida, con capacidade de denuncia profética.
A teoloxía política non é a politización da teoloxía
A teoloxía política non é a politización da teoloxía. Por iso, neste foro buscamos reflexionar sobre as implicacións políticas que ten toda afirmación teolóxica desde a lóxica evanxélica e a opción preferente polos máis pobres, tal e como nolo ofrece nas súas cartas pastorais e encíclicas o papa Francisco.
Tiñamos algo de medo a que a asistencia se vira minguada nestes tempos poscovid, pero, unha vez máis, a fidelidade das persoas amigas que encheron o Salón de actos do Colexio da Compañía de María de Santiago fíxose patente. Como novidade, este ano retransmitimos en directo, vía Imstagram, os relatorios do foro, facilitando a asistencia a quen tivo difícil desprazarse a Compostela. Mesmo quen ese día tivo outras tarefas e non poido participar poderá ver en diferido as diferentes intervencións na nosa canle de YouTube. A pandemia ensinounos a utilidade das redes sociais! E, por suposto, para quen prefira un goce máis calmo e de vagar, máis reflexivo, o próximo número da revista publicará os contidos do foro, como xa é habitual.
Os relatorios
Abriu o tema Carlos García de Andoin Martín, un home implicado en moitos dos últimos cambios lexislativos deste país, mostrándonos a maneira de entender a xeopolítica desde as premisas do maxisterio do papa Francisco. Os xestos de Francisco responden a unha estratexia clara de cambio na forma de situarse ante os acontecementos políticos e sociais desde o lugar dos últimos, inspirado no funcionamento dos movementos populares. Andoin desmontou as falacias mediáticas que buscan desacreditar o pontificado de Francisco, expoñendo a coherencia de todos os seus xestos, ordenados a unha visión da política ao servizo das persoas, de todas as persoas.
Logo, Sebastián Mora Rosado, desde a súa experiencia nos lugares de exclusión e a cátedra académica, expuxo como entender a economía, a global e a particular, dun xeito novo, alternativo, desde a premisa clara de non deixar ninguén fóra. Mostrounos que outro mundo é posible, que hai alternativa á orde económica mundial, que o mercado non é máis ca unha elaboración humana e, como tal, pode ser modificado á nosa vontade.
Pola tarde, Isabel Vilalba Seivane, muller labrega implicada nos procesos de transformación que o noso rural vive e ofrece, achegou os postulados económicos e políticos do papa Francisco á realidade social galega, poñéndolles corpo e terra ás propostas políticas do papa Francisco. Desde a ecoloxía do coidado, desde os nosos xeitos tradicionais de organización e produción, pódese vivir doutra maneira, máis sostible, máis responsable, máis respectuosa coa creación, máis cristiá.
Pechou a xornada a música de Bea, a de Estrella, que percorreu a parte máis social e política do seu repertorio, ofrecéndonos algunha primicia do seu novo traballo, Mareira, en proceso de publicación.
As cousas dos da casa
No descanso da mañá, María Cancelo presentounos a Escola de Espiritualidade, que tamén retoma a actividade presencial despois da pandemia, iniciando un novo ciclo de catro anos. Tendes máis información no seu blog: https://escoladeespiritualidade.blogspot.com/
Tamén tivemos á disposición do público os últimos libros escritos por persoas do consello de Encrucillada: Na soleira do Deus da vida, de Manolo Regal; Cuando Dios haba no solo en masculino. La teología feminista, de Carme Soto, e Oda a Xesús Cristo, de Xosé Antón Miguélez.
Desde Encrucillada, un ano máis, non podemos máis que agradecer a asistencia e apoio das persoas que, cada ano, nos mostran a súa fidelidade e amizade. Encrucillada mantense viva grazas a elas.
Vémonos no XXXVI foro, se Deus quer, o ano que vén!