Hai preto de ano e medio constituise a plataforma Fagamos Igrexa Galega (FAIGA), como se recolleu no número 1012 desta Revista Irimia, para difundir e apoiar a práctica pastoral en lingua galega e en sintonía coa cultura de Galicia. Presentamos (en varias entregas, dada a súa extensión), o documento de FAIGA co que pretende ofrecer unha base sinxela para abordar esta cuestión nas comunidades e parroquias e unha guía para planificar e revisar o uso da lingua galega.
Limiar
Ao escribir esta humilde guía mandan en nós dous sentimentos. Por unha parte, o respecto agradecido ao legado dos nosos antepasados que nolo entregaron enchoupado na cultura galega e envolto na súa lingua; somos moitas as persoas que ao tempo que fomos madurando a nosa fe no seo da igrexa simultaneamente aprendemos o amor a Galicia e aos irmáns. Pero ao tempo que nos enorgullecemos de sentírmonos galegos e galegas, preocúpanos a desaparición do seu trazo máis característico: a lingua.
Dóenos que a Igrexa católica sexa hoxe en Galicia a institución menos comprometida coa lingua galega
Nos últimos 50 anos producíronse no campo lingüístico fenómenos contraditorios, pois mentres se deron avances extraordinarios no seu recoñecemento oficial e na súa presenza en ámbitos dos que o galego estivo excluído -institucións, ensino, televisión etc.- experimenta a maior ameaza de desaparición da súa historia, por terse interrompido a cadea de transmisión a nenos e nenas. Dóenos especialmente que a Igrexa católica que celebra a súa fe nun Deus encarnado e que ten por apóstolo a quen se fixo “xudeu para gañar aos xudeus, … débil para gañar aos débiles, … todo con todos” (I Cor 9, 20-22), ela que en tantas cousas está tan próxima aos máis necesitados, sexa hoxe en Galicia a institución menos comprometida coa lingua galega, menos que as universidades, que os partidos, os sindicatos, as asociacións de veciños/as … que outras igrexas.
Isto non se arranxa se todos quedamos parados e de brazos cruzados; aínda que o galego non ten “inimigos” que o ataquen frontalmente, extinguirase por abandono, por indiferenza. Por isto, para avanzar no seu uso normal, ao tempo que caemos na conta dos prexuízos que obstaculizan o seu uso, necesitamos facernos conscientes de que o galego necesita un apoio extra pois é a lingua que está perdendo falantes, a causa do maior prestixio e apoio do que goza o castelán e de que non son suficientes medidas testemuñais, ocasionais, ou de presunto equilibrio (metade e metade).
En calquera caso, a nosa proposta é en positivo, baseada no respecto a todas as persoas, asegurando sempre a comprensión de textos ou expresións, porque as linguas, ademais de expresión da “alma” dun pobo, teñen que servir para a comunicación. Isto, entre persoas falantes do castelán, unha lingua romance tan próxima do galego, non pasará habitualmente, de aclarar o significado de certas palabras que, na maioría dos casos poden comprenderse facilmente polo contexto dun guión ben coñecido.
Estas estratexias inspíranse no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, tendo en conta o contexto parroquial
As estratexias que presentamos están inspiradas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, tendo en conta o contexto da vida parroquial e están redactadas de maneira que poidan ser útiles en calquera ambiente. Con todo en cada situación deberán ser postas en práctica de maneira apropiada ao contexto e ás persoas concretas. Así, nos contextos galegofalantes de ambientes rurais e de moitos barrios, tratarase de facer normal dentro da igrexa o que é normal no adro e nas relacións entre os fregueses. Noutros ambientes nos que predominen as persoas que falan castelán, como no centro dalgunhas cidades, haberá que poñer o acento na riqueza que supón aprender en galego cancións, textos, … e apoiar os neofalantes. En todos os casos, o que nos permitirá durar e chegar máis lonxe é a implicación activa das persoas da comunidade. Quizais esta é a mellor estratexia: identificar as persoas que senten este cariño polo galego, apoialas e apoiarnos nelas.
Ben mirado, este enfoque pode abrir un fermoso e rico campo de iniciativas pastorais que, indo máis aló da lingua, por exemplo, coidan e dan a coñecer o patrimonio da parroquia, entran en contacto con persoas e grupos con intereses semellantes, descobren revistas e libros destas temáticas etc.
Oferta positiva
Consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a comunidade (crego, catequista, … ) e o fregués.
Fronte ao hoxe habitual (falar de entrada en castelán co descoñecido), quen atende o fregués inicia o contacto en lingua galega e mantense nela mentres o interlocutor non amose indicios de que prefire comunicarse noutra lingua.
A oferta positiva desinhibe o galego do interlocutor, permítelle saír da ocultación, facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o fregués o desexa, e elimina de raíz a barreira rutineira pola que un cidadán lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade.
No caso de relacións por escrito, implica que todo tipo de formularios, instancias e documentación que se teña que cubrir o demandante dun servizo se lle ofrezan de partida en galego.
Non lle hai que ter medo aos erros. Trátase de poñer en valor o esforzo. Trátase de poñerse no lugar do outro, para que se sinta valorado dende a súa propia lingua. Falar mal o galego non importa porque o que o escoita non percibe os erros, senón o esforzo, e é importante o esforzo de tentar falar coma o interlocutor.
Ademais cando se fai o esforzo de empregar o galego, o interlocutor sente un bo aprezo non só ao seu galego senón tamén ao galego dos seus antepasados. O fregués vai sentir respecto polo seu e polos seus, e xa sabemos como somos cos nosos defuntiños (as súas verbas seguen vivas).
(Seguirá…)