Proseguimos a publicación do documento de FAIGA (Fagamos Igrexa Galega), co que pretende ofrecer unha base sinxela para abordar a transición ao galego na vida das comunidades e parroquias do noso país

Oferta informativa

Aínda que non o pareza, é importante que a primeira achega se faga en galego. Temos un certo desaxuste léxico, posto que moitos dos fregueses nunca tiveron a ocasión de estudar e ler textos en galego. Isto fai difícil esa primeira achega porque aínda que a lingua falada sexa o galego é probable que en moitos fregueses a referencia escrita sexa unicamente o castelán. Hai que contar con que de primeiras lle pode resultar difícil ata a lectura deses documentos escritos. Pero isto é un proceso socialmente recoñecible e habitual, algo que xa pasa na relación coa Administración galega, por exemplo.

son importantes as maneiras, a afabilidade, a humildade, o compartir a vida

Consiste en informar da validez, legalidade e mesmo conveniencia de redactar en galego un documento, no momento de iniciar calquera trámite (inscrición do bautismo, expediente matrimonial, inscrición en lápidas funerarias…).

Cortesía

Tanto a Oferta positiva coma a Oferta informativa son fundamentais para quen actúe no nome da Igrexa e sería desexable que se entendese como expresión de cortesía co fregués e do respecto que este merece.

Insistimos en que son importantes as maneiras, a afabilidade, a humildade, o que o cura ou outros axentes de pastoral se metan na vida da xente, compartan, que a xente os vexa algo deles; esa harmonía humana é o máis importante para que logo a xente acepte as propostas como importantes, porque antes percibiron que a xente é importante para ti.

É lingua de pobo, non individual e privada. É lingua de historia e non de moda actual. É lingua de homes e mulleres sinxelos e humildes e é lingua de mestres e sabios. É lingua que sabe a terra, a choiva, a morriña…

Esta oferta ten que ter un fondo pensar e sen medo a equivocarse, pois a lingua só se aprende falándoa. Ofrezámola.

Ofrecer as razóns

Convén facerse conscientes e aprender a comunicar as razóns que apoian esta opción, para dialogar coas persoas que dalgunha maneira se mostren contrariadas ou belixerantes contra a normalización do galego, que é frecuente que as haxa. Podemos abundar en ideas coma estas:

– A lingua é unha riqueza cultural, algo que os nosos maiores construíron, que Deus mesmo nos deu a través deles. Debémolo agradecer e coidar, con orgullo humilde.

– Igual que nos indignaría que viñese alguén e destruíse a nosa paisaxe, as nosas catedrais, calquera obra artística nosa, así nos debería indignar que alguén de fóra ou de dentro queira destruírnos a lingua e deixar de falala con normalidade xa é destruíla. A lingua é a maior obra cultural dun pobo.

– As linguas son unha riqueza tanto a nivel de desenvolvemento persoal (non é certo que aprender dúas ou tres linguas na infancia sexa prexudicial, ao revés), coma a nivel de habilidades para desenvolverse nun mundo globalizado: un galego, que sabe castelán e galego, accede a moito máis mundo do que unha persoa que só se forme en castelán.

– A lingua galega é un elemento cultural, non político. Ou se admitimos que sexa un elemento político, tanto é político por parte de quen opta por empregala con normalidade en todo como por parte de quen opta por deixar de facelo. Pero non debería entrar no xogo político; non é propiedade de ningún grupo político, é de toda a xente de Galicia, e aínda de xente de fóra que a queira coñecer e falar. Que ninguén se apropie dela por razóns políticas. Que ninguén a desprece tampouco por razóns políticas.

que ninguén se apropie do galego por razóns políticas. Que ninguén o desprece por razóns políticas.

– Usar con normalidade a lingua galega non supón ser independentista, nin ten que levar ao independentismo. Supón que España é plural, é un conxunto de diferentes pobos, un Estado composto, con culturas, linguas, historias distintas que poden e deben confluír nun conxunto harmonizado. O ideal non é ruptura dos diferentes, senón a harmonización das diferenzas, partindo de valoralas, coidalas, ofrecelas aos demais como unha riqueza, e recibilas dos demais coma un excelente regalo que nos fan as persoas que teñen esa riqueza lingüística. Nunca arrasar.

MEDIDAS CONCRETAS PARA COMEZAR: ORIENTACIÓNS PRÁCTICAS

1. Asegurar que se dispoña de Misal, Libro da Sede, Leccionarios e rituais en galego en todas as parroquias ou comunidades.

Para facer posible o desenvolvemento da liturxia en galego nas celebracións ás que asiste ou nas que participan máis fieis é imprescindible dispoñer en todas as parroquias dos libros: Misal, Leccionarios e Rituais (Bautismo, Matrimonio, Unción dos enfermos, Exequias…).

Na actualidade están esgotados os exemplares do Misal e dos Leccionarios dominicais. Dos outros leccionarios, rituais e diurnal, existen centos de exemplares a disposición de quen os queira.

Hoxe por hoxe está todo en páxinas de internet como https://nosanaicinhadoceo.webnode.es/ ou https://xanostesaqui.webnode.es

Mesmo hai aínda uns poucos novos testamentos en Galaxia, ou pequenos e grandes oracionais que serven máis alá da eucaristía.

2. Materiais de apoio en galego: cantos, ordinario da misa etc.

Para facer posible e estimular a participación dos fieis na liturxia son necesarios materiais de apoio, normalmente impresos. Tamén poden consistir en documentos que se van proxectando nunha pantalla ou nunha parede clara. Para romper a secular rutina de “oír” a quen “di” a misa ou canta (clero ou coros), é necesaria unha acción sostida de práctica, de “adestramento”, ata acadar facilidade ou soltura.

Nos secretariados de catequese existen materiais moi sinxelos que facilitan a lectura, a oración e a vivencia da fe en galego, mesmo para compartilos en fogar.

No tema de cantos hai un fermoso traballo xa feito (véxanse, por exemplo, panxoliñas en xanostesaquí). Axuda, e moito, que nos templos soen músicas en galego para eses momentos de silencio e oración. As panxoliñas acostuman a ser unha boa ferramenta.

…(Seguirá)