Cómpre, si, analizar a gravidade do presente, as pragas que axexan ao planeta e ao noso país galego. A degradación ambiental e climática; a medra de novos fascismos e outras formas de autoritarismo; escenarios de guerra que parecían superados; o “retroceso cultural” que volve con machismos e racismos; novas formas de manipulación tecnolóxica da vida e da intelixencia para concentrar máis o poder e riqueza, … E no que nos é máis próximo, as ameazas de degradación dos nosos hábitats, do agro e o marisqueo nas rías con macroproxectos como ALTRI de dubidosa rendibilidade social, económica e ecolóxica; un devalo demográfico e un territorio desvertebrado; a falta, en definitiva, dun proxecto de país ao servizo das xeracións futuras e non dos intereses a curto prazo de grandes corporacións alleas á nosa terra.
na irmandade e na empatía coas vítimas dáse o encontro co que nos é máis sagrado
Cada tempo ten o seu aquel. A humanidade, o mellor desta hora, xa está reaccionando. Tecendo redes, creando novas alianzas, rompendo os marcos mentais estreitos, organizándose polo futuro. O que poida facer…que faga, como dixo alguén en dirección bastante diverxente.
Hai emocionantes iniciativas de acollida aos descartados do planeta: xentes que rescatan vidas no mar, outras que apoian procesos de curación de feridas e integración acompañada, outras que aceptan, sorrín e botan unha man aos novos galegos e galegas.
Hai quen milita na paz e nos dereitos humanos, xusto agora que son desprezados. Con iniciativas a nivel local, cambiando conciencias, contrarrestando os discursos de guerra, odio e xenofobia.
Hai unha potente rede de organizacións e persoas que acollen e coidan das nenas e nenos en desamparo, da xente velliña, de persoas sen fogar, …que apostan pola fraxilidade, desmentindo que o mundo sexa só para os fortes, guapos e ricos.
Son centos as iniciativas feministas que poñen en evidencia todo o camiño que nos falta por andar na igualdade real e non soamente lexislada.
E non son menos as plataformas de defensa do territorio, da soberanía alimentaria, da limpeza de rías e montes como investimento vital para quen veña despois.
E tan importante ou máis: hai políticas e sistemas públicos que curan, educan, compensan desigualdades, protexen a vítimas, apoian procesos de inclusión social, amparan a xente que se fai dependente, …. Traballar no servizo público, defender os sistemas de igualdade e benestar social (ou de información veraz como vemos nas páxinas centrais) é, tamén, e máis ca nunca, unha fonte de sentido e de esperanza.
A esperanza dos cristián só se sinte e vive coas botas postas, cos pes na lama, coa camisa arremangada, coa tenrura activa. Porque é na irmandade e na empatía coas vítimas na que se produce o encontro co que nos é máis sagrado.