A couza ou traza -popular e incorrectamente chamada polilla da madeira- é ese minúsculo insecto parente do escaravello que, en estado larvario, se instala na madeira vella dos nosos mobles, das nosas casas, vive nela, acubíllase a gusto, e vaina roendo, desestruturándoa, debilitándoa, desde ben adentro, ata que a cousa non ten volta atrás. Dalgunha maneira faise parte invisible daquilo que destrúe, para finalmente “demostrar” a súa inutilidade, a súa morte inminente e a necesidade de substituílo por algo máis moderno e máis barato.

en Europa e moi cerca de nós, a couza trumpista ten os seus imitadores

A da couza é unha xenial, endiañada, estratexia política. Onde pon “mobles” podemos traducir por “institucións democráticas”. Onde pon “armario roupeiro” podemos escribir “separación de poderes”. Onde di “mesa de comedor” podemos colocar “prensa independente baseada en feitos”. Etc. Unha vez que as institucións democráticas están roídas e desacreditaras poden substituírse por unha democracia de baixa calidade e, finalmente, por unha ditadura cada vez menos disimulada.

O mecanismo é introducirse no sistema democrático, que é por definición máis aberto e fráxil ca outros. A cuestión é que aqueles que non cren na democracia, e moito menos na necesidade de afondar nela e ir transitando desde unha democracia das “liberdades” a unha democracia, ademais, das “equidades” e das “diversidades”, tamén se presentan as eleccións, e poden gañar moito poder cando a xente está anoxada ou desesperada.

Nos Estados Unidos viviuse un exemplo de libro de todo isto. Por iso é tan emocionante, agora, neste recomenzo, ver a Kamala Harris de vicepresidenta (sen desprezar o seu xefe, pero poñendo en valor a forza simbólica da primeira muller afroamericana en tan relevante posición). Pero como xa temos apuntado aquí, en Europa e moi cerca de nós, a couza trumpista ten os seus imitadores e imitadoras.

Bye bye Trump e o que representas. Oxalá. Pero nada está gañado. Nada hai que dar por feito. A humana condición precisa institucións sólidas para expresar e materializar os principios democráticos que nos fan mellores, institucións máis fortes ca os líderes iluminados, máis fortes ca a couza da mentira, do racismo e do veleno da desconsideración visceral dos máis vulnerables e dos seus dereitos humanos.