Non son baratas, pero son a clave, agora máis ca nunca, da paz e o progreso social (o modelo Burela das páxinas centrais, di moito sobre isto).

Necesitamos que as persoas migrantes sexan felices canda nós. Non vale acoller para marxinar en guetos. Hai que integrar para liberar

Son malos tempos: o inimigo está de volta. Nunca marchou, pero estaba arrecantado, acalado por un aquel de sensibilidade maioritaria, unha potente herdanza da Transición democrática e da tradición humanista: a das ganas colectivas de deixar o franquismo atrás, recuperar as diversas identidades nacionais negadas, participar, recobrar e garantir dereitos para os excluídos, as mulleres, os diferentes.

O neofascismo rexorde, xa o comentamos ben veces. Foise enquistando en Francia, en Austria, en Alemaña. Tamén nos países nórdicos. Colle carreira en Italia, en Polonia e Hungría. Diríase que só resiste Portugal. Están logo aí, cabalgando por Europa sobre o medo e o odio ao inmigrante e á causa feminista.

Nos territorios españois, véxase Andalucía, ademais do discurso fácil e mentireiro de que o forasteiro nos rouba e nos quita de comer, ou de que os homes “son igualmente” asasinados polas súas mulleres, o fenómeno da ultradereita prende tamén da man do anticatalanismo. Estaban á espreita. Dirixíronse directamente ás vísceras da xente. E nunca tiveron mellor coartada para resucitar o nacionalismo español máis retrógrado.

Todo isto está moi relacionado, co tema central deste número: esa historia chea de cousas lindas do chamado modelo Burela, unha serie de pequenas e grandes accións que, con erros e acertos, axuda a que os inmigrantes, mulleres e homes, formen parte activa e máis feliz dunha comunidade local. Son xentes neo-galegas, que chegaron maioritariamente do Cabo Verde, que tiran para adiante deste noso país e que enriquecen as artes e a cultura da nosa Terra, tecendo unha estimulante fraternidade galego-lusófona.

Nas integración positiva sempre hai esforzos múltiples. Son normalmente as persoas e entidades da sociedade civil as que van por diante. Marcan o camiño que deberían seguir e apoiar as administracións. Hai moito que facer na formación e acompañamento no emprego, na vivenda, na escola, na dinamización dunha vida multicultural, na protección da infancia. Necesitamos que os nosos inmigrantes sexan felices canda nós. Temos que aprender a gozar do regalo da súa presenza.

Pero cómpren políticas efectivas de integración, de cidadanía, de dereitos e deberes, de vida digna. Non vale acoller para marxinar en guetos ou a expensas das mafias. Hai que integrar para liberar. A esquerda debería promover esas alternativas, sen caer na inxenuidade, no slogan fácil, con medidas eficaces e apoiándose nas organizacións cidadás que xa están nese labor. E debe facelo “sen complexos”. Como vacina contra a ultradreita desbocada.

E tamén sería de agardar unha reacción crítica da Igrexa, dos seus voceiros institucionais, contra ese veleno da xenofobia, contra toda vox demagoga que, en nome da catolicidade españolísima, nos faga peores persoas e nos mirre a fe nos nosos semellantes. “Fun forasteiro e acolléstesme”: Diríase que a cousa non precisa de moita “interpretación”.