No mes de maio xúntansenos as primaveras. Non damos feito. Á das flores e sementeiras, súmase a celebración do noso maior tesouro inmaterial: a lingua galega. E nada menos que con don Antonio Fraguas como artista invitado.
Unha lingua simplemente necesita osíxeno, espazo de seu, normalidade
Non está de máis outra volta recordar que a mellor celebración dese tesouro cultural de noso, que tan alegremente desprezamos, é ben simple: menos retórica, menos discurso, menos premios flor dun día e máis uso normal, natural, ordinario. A lingua simplemente necesita ser transmitida, aprehendida e usada. Precisa falantes, amantes, amigas, militantes. Precisa osíxeno, espazo de seu, normalidade. É unha oportunidade: unha primavera necesita vida, sacho, semente, rega, rareo, coidado.
Tirando do fío da lingua galega -como o noso mellor símbolo-, hai cousas nas recentes eleccións xerais que dan que pensar. Todos os analistas coinciden en sinalar que os resultados, sobre todo nas nacionalidades periféricas con lingua de seu, son unha reacción contra a involución anticonstitucional dos auto-chamados “constitucionalistas”. En Galicia?
O tristemente famoso trío de Colón competiu pola medalla do ultranacionalismo español máis excluínte: unha nación, unha lingua, un destino. Fóra o resto. Pelexaron para ver quen era o mellor defensor apocalíptico desa cultura superior, única e ancestral, unha hispanidade tal e como a entendía o franquismo, unha maneira de ser que, segundo eles, se pode e se debe impoñer, mesmo usando como ferramenta ordinaria algo que na Constitución é excepcionalísimo (o *fƒƒsonado antigo 155). Iso, sen entrar noutras propostas tan constitucionais coma a da supresión das autonomías. Pero o electorado tivo capacidade de entender que a diversidade, o Estado composto de nacionalidades e rexións, é o modelo que está na Constitución, non como a solución perfecta, senón como unha solución de compromiso e convivencia.
A mensaxe nesta volta foi un “non pasarán” á dereita involucionista
En Galicia tamén se reaccionou contra esa involución. Pero ao contrario de Cataluña, Euskadi, País Valenciá, – mesmo Canarias e Cantabria desta volta- non houbo capacidade de unir forzas, de entender o momento, nin tampouco de motivar con candidaturas capaces de seducir para que existise unha representación con apelido galego nas Cortes Xerais. Formouse unha maioría nova para o “non pasarán”, pero en todos os medios de comunicación e declaracións de comentaristas estatais Galicia está desaparecida. As forzas galegas deberían facer autocrítica.
O das eleccións é cambiante. A mensaxe nesta volta foi que a dereita involucionista e tremendista non podía pasar. Seguramente o PSOE en Galicia ten moito voto prestado por unha situación de emerxencia. Nas eleccións municipais, que son xa, veremos probablemente un mapa diferente.