Os resultados das municipais en Galicia confirmaron boa parte das tendencias sinaladas nas sondaxes, pero non todas. As cidades ratifican os líderes máis consolidados. O “vazquismo vigués” de Caballero mantén a absoluta. Lores perde forza e non foi a candidatura máis votada, pero tira de reputación internacional e dun modelo de cidade verde e alternativo que colleita voto en todas as franxas ideolóxicas. O PP medra en conxunto, pescando nos escasos restos dun naufragado Ciudadanos e dun impotente Vox, e dá cos votos xustos para cambiar a cor da corporación de Ferrol, non así a de Lugo. E A Coruña e Santiago quedan pendentes do pacto das esquerdas. O de Ourense é doutra división.
A pesar da mellora na participación, o “partido da abstención” segue a obter bos resultados
O voto ao BNG medra no conxunto do país (gaña 127 edís). Resulta ben significativo o excelente resultado de Goretti Sanmartín en Santiago, que debería implicar, pactos mediante, unha alcaldía nacionalista. Baixan as Mareas, Compostela Aberta e Ferrol en Común, aínda que estas dúas manteñen representación. A Galicia municipal non é de dereitas. As forzas de esquerda sumaran xa en 2019 cerca de 760 000 votos e as forzas de dereitas algo menos de 550 000. Desta volta, a diferenza é algo menor, pero segue a esquerda, na súa diversidade, superando o 50 % do voto municipal.
Hai feitos e datos para certa preocupación.
A pesar da importancia do “local” que estaba en xogo, os medios de comunicación “serios”, convencionais, acabaron descentrando a atención e calquera veciño de Camariñas, de Sarria ou do Porriño, recibiu máis información sobre as candidaturas de Bildu ou sobre a compra de votos por correo en Melilla ca sobre as propostas para a súa vila.
O voto líquido da mocidade é un tema que sorprende os expertos. Pola súa volatilidade, mesmo podería cualificarse de gasoso. Os estudos indican que unha gran porcentaxe da xente nova dicide o seu voto nos últimos segundos, na cola. Non está en gran medida soportado por unha opción ideolóxica, por unha visión do mundo, por unha opción de valor. Unha emoción de última hora inducida polo Tiktok pode ter máis influencia ca calquera debate serio (ulo?) sobre o modelo de sociedade.
A pesar dunha lixeira mellora da participación, o “partido da abstención” segue a obter bos resultados. Seguramente ten que ver con todo o anterior, con esa volatilidade, coa inconsistencia ideolóxica, co fume e co ruído. Tamén coa corrupción, coas corruptelas, co mal goberno e co fastío. Pero o voto é un dereito que custou vidas e non se debería renunciar a el en ningunha circunstancia.