Na Romaxe de Bascuas houbo unha presencia e unha homenaxe ao pobo Palestino. Gaza xa non é o nome dun lugar xeográfico -ou, con máis precisión, dun “non-lugar”-, senón dun concepto moral. Os máis de 63.000 mortos, os desprazamentos forzosos en masa e sen garantías, o sádico divertimento do tiro ao branco nas colas da fame, os 20.000 menores asasinados polo exército israelí (máis de un por cada hora en 23 meses de masacre), etc…son o gran crime contra a humanidade do primeiro cuarto deste século.

Que sensibilidade moral se pode agardar dun actor público que non toma claro partido contra un xenocidio en directo?

Non hai desculpa. Non é o exercicio dun dereito de defensa. É aniquilación dun pobo enteiro. Por algo a fiscalía da Corte Internacional de Xustiza (ONU) iniciou un proceso por xenocidio a partir da denuncia de Sudáfrica. Por algo a a Comisión independente nomeada pola ONU acusa a Israel de xenocidio en Gaza e conclúe que Netanyahu, Herzog e o ex ministro Gallant incitaron a cometer este crime. Por algo Omer Bartov, profesor israelí (¡!) de historia europea na prestixiosa Universidade de Brown (Rhode Island), reputado experto na investigación de xenocidios, analizou o caso no New York Times(18-6-2025), para concluír : “levo un cuarto de século dando clase sobre xenocidio. Sei recoñecer un cando o vexo”.

Gaza é a pedra de toque moral para líderes, comunicadores, gobernos e “influencers”. Sondaxes de opinión apuntan que un 80% da nosa poboación condena esa masacre. Actos de protesta como os acontecidos durante a volta ciclista son expresivos. A cuestión é: Que sensibilidade social, que fibra moral se pode agardar dun actor público que non toma clara posición -sen “peros”- en contra dun xenocidio en directo?

Isto afecta tamén aos representantes eclesiásticos, comezando polo Papa León XIV. Francisco, certamente, deixou o listón moi alto, con palabras claras, inequívocas. O seu sucesor vaise instalando na linguaxe da “equidistancia”, da diplomática prudencia vaticana, dos principios morais xerais sen aterrar no concreto.

Refuxiarse na polémica sobre o uso da palabra “xenocidio” é outra escapatoria. Ninguén espera que a dereita neo-fascista de Vox – que no seu momento declarou “razoable” a proposta de Trump de converter Gaza nun resort turístico de luxo- se inquiete o máis mínimo polas imaxes de meniños palestinos esfameados ou amputados, porque na liña do discurso da ultradereita global, non son seres humanos, senón “animais humanos” ou “futuros terroristas”. Pero ao PP, polo menos a facción que goberna en Galicia, se de verdade se consideran un partido “de maiorías”, “de Estado”, “dos traballadores”, … non deberían desmarcarse radicalmente da inhumanidade, dos crimes contra o dereito internacional humanitario e do que as voces expertas cualifican xa como constatado xenocidio?

Ilustración: Waleed Idrees #freepalestine