Cando os votantes se comezan a preguntar cousas como “Serve de algo votar?”, deberían acenderse todas as alarmas democráticas. Hai ben exemplos na historia. Comezan a pasar cousas imprevistas e hai monstros que saen das cavernas. E hai xente, non pouca, que pasa ao lado escuro.

A peor consecuencia dese esperpento é esa: enviar a mensaxe de “Total, para que?”

A peor das consecuencias do irresponsable esperpento protagonizado polos catro grandes partidos estatais é esa: enviar a mensaxe de “Total, para que?, se son incapaces de ceder en nada”. Esa factura, normalmente, págaa a esquerda, pois, como xa temos sinalado, a dereita, disciplinada, maior e fiel ás súas rutinas, acaba por ir votar.

Os egos exibidos dan para escribir un capítulo da historia psiquiátrica da democracia española. Nas negociacións –por dicir algo– imaxinamos teimudos autistas, sen diálogo, mirando o móbil, as redes sociais e os barómetros electorais de cada día, interpretados por serios asesores de imaxe. Facer que se fai. Para construír o famoso relato que culpe ao outro. A política é outra cousa. A xente é menos parva do que pensan e non comunga con “relatos de muíño” que fartan, aburren e escorrentan o voto.

O PSOE xoga forte nesta aposta. Será que os seus brillantes asesores lle garanten en novembro un cambio radical de escenario, unha maioría máis folgada, o apoio dun Rivera arrepentido, un improbable non se sabe que. Fíano todo a unha “reparación xusta e balsámica” por parte do electorado, a un convencer a xente de que o intentaron por un lado e polo outro, pero non os deixaron a pesar de seren os claros gañadores e a pesar de que isto non pasaría en ningún país europeo.

O caso de Iglesias é por demais. Non haberá alguén que lle diga que eses 3.732.929 votos non son de “adscritos” a Podemos? Que non son de entusiastas conquistadores dos ceos dispostos a morreren por el? Que son de xente que vive e traballa como mellor pode, pero que, iso si, quere avances na equidade, bos servizos públicos, leis laborais xustas, igualdade entre xéneros, compromiso medioambiental e servizos de conciliación máis parecidos aos suecos ca aos búlgaros? E, sobre todo, xente que, sobre todas as cousas, non quere que volva a dereita cavernícola? Non podemos imaxinar que lles dirá agora, nesta cuarta volta, para convencelos de que votar Podemos é útil. Non entendemos como rexeitou a coalición por unha ocorrencia de engadir as políticas activas de emprego, que son competencia autonómica! Nin como rexeitou, xa despois, a oportunidade de deixar gobernar o PSOE en minoría cun programa negociado e converterse no rei da oposición! Non se entende case nada do que fai, quizais porque viva nun permanente capítulo de Xogo de tronos.

A pesar de todo, cando chegue o momento animaremos a que a xente vote. Claro que si. E que vote con criterio, desde Galicia, desde a igualdade, a honestidade e a inclusión. Faltaría máis.

Ah! Por certo… E que vote a favor do planeta, a casa común que periga no medio de tanta sobreactuación e tanto relato irrelevante.