O vendaval da guerra, a lóxica das armas -coa súa glamurosa sofisticación-, o choque dos imperios -coas súas propagandas enfrontadas- fannos perder o punto de vista principal: o sufrimento das vítimas. As vítimas dos conflitos armados non saben de xeopolítica nin entenden a diferenza entre mísiles ultrasónicos e os de antes, pero si saben o que custa levantar unha vida, edificar coas súas mans unha casa, cultivar unha leira e estudar os fillos. Para as vítimas, para as vidas ocupadas en dar vida, case sempre un acordo imperfecto é mellor ca unha guerra perfecta.
Cómpren visións alternativas, que poñan o foco na humanidade sufrinte, como o Encontro Internacional da Rede Acampa
Xa insistimos na difícil equidistancia diante dunha agresión brutalmente destrutiva por parte dunha potencia nuclear sobre as pequenas nacións que a circundan; diante da tremenda decisión, mestura de impotencia e abuso, de destruír cando non podo seducir. Aínda máis: a autocracia de Putin, co seu militarismo en acción, estreitou e empobreceu o campo e as regras de xogo dos equilibrios mundiais: varreu de golpe décadas de neutralidade de países como Finlandia e Suecia; atrancou, de feito, a posibilidade dunha terceira vía de neutralidade, non aliñamento e prosperidade que eses países nórdicos representaban.
Nun mundo bipolar todos perdemos. Loita de titáns. Matar ou morrer. Adoptamos sen sequera pretendelo o punto de vista do noso patrón, do noso “capo”, sen preguntas incómodas, porque igual que hai unha economía de guerra, instáurase unha “verdade de guerra”, un pensamento único. E as vítimas vanse xustificando e esvaecendo. Pasan a ser efectos colaterais, como se denominaron naquela inxustificable guerra invasiva de Iraq, na procura de inventadas armas de destrución masiva, pola que ningún responsable rendeu contas.
Por iso cómpre máis ca nunca que haxa “elementos discordantes”, eses que poñen o foco na humanidade sufrinte, e rompan así o dualismo das verdades oficiais que van gañando peso a medida que a guerra se alonga no tempo. Cómpre dar a benvida e celebrar, un ano máis, unha iniciativa como o Encontro Internacional da Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio -máis coñecida simplemente como “Acampa”-, que este ano se centra no tema de “fame e refuxio” e que se celebrará na Coruña o 9, 10 e 11 de xuño (cunha exposición fotográfica até o 7 de xullo).
E nesa liña de cambio de perspectiva e procura de saídas -poñendo o interese das vítimas no centro- foron as declaracións de Francisco, nas que, mantendo a condena pola guerra invasiva e inxustificable, cuestiona os innecesarios “ladridos da OTAN ás portas de Rusia”. Valéronlle unha violenta reacción da prensa de dereita, da CNN e mesmo do goberno polaco. É así, a verdade única é a gran mentira das guerras.