Chegou o 8 de Marzo (8M) e a revolución feminista continúa, paso a paso. Unha revolución que se fai bailando, pois curiosamente coinciden as mobilizacións cos domingos de entroido. A Ruah, o materno espírito, sopra onde menos se espera. Ou en galego popular “Deus –que seica ten moito de costureira- non da puntada sen fío”.

E hai cousas e voces diferentes, que teñen que ver coa Igrexa. O primeiro día do mes (1M), domingo, colectivos feministas cristiás convocaron concentracións diante de diversas catedrais á hora da misa. Lerase un manifesto para denunciar a profunda discriminación, as incoherencias e autoritarismos diarios. Baixo o lema “ata que a igualdade sexa costume” faise cordada con movementos internacionais coma María 2.0 ou Voices of faith.

O pre-8M para toda Galicia convócase en Verín: “Sen coidados non hai vida”.

Ese mesmo día, as galegas estaremos en Verín. Ímonos manifestar no domingo de Piñata, o epílogo do Entroido. Ese día caerán a máscaras para o resto do ano, por máis que algúns as seguirán levando. Agochados baixo as carautas da eficiencia económica, da modernidade ou da liberdade individual, tratarán de enfraquecer aínda máis o débil estado de benestar que temos. Verín é a historia dun éxito, unha lección, pero tamén é un aviso do que pode vir. A Xunta tivo que dar marcha atrás no seu intento de pechar a sala de partos pola presión incesante das cidadás, pero volverán intentalo. Por iso, o pre-8M para toda Galicia convócase nesta vila, pois “Sen coidados non hai vida”.

No mundo da militancia solidaria as mulleres son lexión. As mulleres son unha maioría esmagadora cando nos achegamos á realidade dos coidados. Neste mesmo número podemos ler dous testemuños ben clarificadores, coma os de Celia López Carballido, directora en Galicia de Médicos do Mundo, e Marisol Bravos, unha militante da vida independente para as persoas con diversidade funcional. Nomes propios con conciencia para avanzarmos.

Conciencia é a que tamén fará falla un mes despois, o cinco de abril, cando volvamos ir votar nas eleccións ó Parlamento de Galicia. Urxe a mobilización do voto feminista para frear os movementos de ultradereita. O voto das mulleres tórnase o voto decisivo.

Mobilizacións no entroido e reflexións de futuro na coresma. Claramente a Ruah anda polo medio.