Fagamos hemeroteca dos nosos editoriais.

En xaneiro, falando de inmigración anticipabamos: “…cómpren políticas efectivas de integración, de cidadanía, de dereitos e deberes,… integrar para liberar. A esquerda debería promover esas alternativas, sen caer na inxenuidade, no slogan fácil, con medidas eficaces e apoiándose nas organizacións cidadáns que xa están nese labor. E debe facelo “sen complexos”. Como vacina contra a ultradreita desbocada.”

En marzo achegábanse eleccións xerais. E indicábamos: “…hai preto de 400.000 votos que nos últimos procesos electorais apostaron por organizacións nacionalistas e de esquerda galeguista. …nunca foi tan grande a porción dese electorado tentada de prestar o seu voto a quen sexa, con tal de que sirva para o… mal menor: frear a ultradereita, impedir que os nostálxicos do franquismo condicionen un tripartito estatal de dereitas que varra cos logros destes corenta anos de mellorable democracia”.

Agora que lle deron a ultradereita unha nova vida fan funambulismo aritmético

En abril, despois das primeiras xerais: “En Galicia tamén se reaccionou. Formouse unha maioría nova para o “non pasarán” pero en todos os medios de comunicación e declaracións de comentaristas estatais Galicia está desaparecida. As forzas galegas deberían facer autocrítica. […] O PSOE en Galicia ten moito voto prestado por unha situación de emerxencia”.

En agosto: “arrepía ver que personaxes se fan co poder -ou se achegan a el perigosamente- en democracias consolidadas. Unha corrente de neofascismo percorre Europa. Preto de nós cabalga ao lombo do odio ao inmigrante e ao nacionalismo catalán. Temos que ser parte, sumar para contrarrestar, crear opinión e espazos de vida baseados na acollida, na diversidade e no respecto”.

En setembro estabamos moi anoxados: “Os egos exhibidos dan para escribir un capítulo da historia psiquiátrica da democracia española. Nas negociacións –por dicir algo- imaxinamos teimudos autistas, sen diálogo, mirando o móbil, as redes sociais e os barómetros electorais de cada día, …. Facer que se fai. Para construír o famoso relato que culpe o outro. […] A xente é menos parva do que pensan e non comunga con “relatos de muíño” que fartan e escorrentan o voto… O PSOE xoga forte […] Será que os seus brillantes asesores lle garanten en novembro un cambio radical de escenario […] improbable non se sabe que. […] O caso de Iglesias é por demais. Non haberá alguén que lle diga que eses 3.732.929 votos non son de “adscritos” a Podemos? Que son de xente que vive e traballa… que quere avances na equidade, bos servizos públicos, leis laborais xustas, igualdade, compromiso medioambiental…”

En outubro, falando de Cataluña: “Non foi -insistimos- unha brutal irresponsabilidade de PSOE e Podemos non ser quen de pactar un goberno antes deste tsunami de consecuencias electorais absolutamente impredicibles? Non haberá que se tire dos pelos?”

Pois iso. Agora que lle deron a ultradereita unha nova vida, que a abstención de Esquerra subiu de prezo, agora, si, entre un quereriamos e un poderiamos tiran un cable e fan funambulismo aritmético. Vox, feliz.