Resulta sorprendente, por inédito, o artigo 47 da Constitución do 78: Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación.

A vivenda digna é, logo, un dereito social, da cidadanía, que os poderes públicos deben facer posible creando as condicións e as leis, para que o beneficio privado e especulativo non prevaleza sobre el.

O realmente inconstitucional sería non facer nada diante da imposibilidade do acceso á vivenda

Resulta insultante o nivel de “inconstitucionalismo” dos partidos máis “constitucionalistas” cando se trata de que o criterio social, o interese xeral, limite o enriquecemento privado. Así aconteceu cando o goberno do Estado encarou recentemente o tema da vivenda. O grito no ceo contra o “comunismo gobernante”, recursos de inconstitucionalidade prometidos antes de coñecer o texto en detalle… Un curioso paradoxo cando, visto o que está a pasar, o realmente inconstitucional sería non facer nada diante da imposibilidade de facilitar que se cumpra o artigo 27 da Constitución.

En todo caso, cando se fala de poderes públicos nun Estado composto e complexo, hai que fiar fino, xa que o Estatuto de Autonomía de Galicia indica no seu artigo 27.3 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de vivenda.

Por iso, cando a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia) presenta o seu informe sobre o estado da pobreza en Galicia no ano 2021 e pon de manifesto que a carestía imparable da vivenda está actuando como aspiradora de rendas das familias en risco de pobreza (694.367 persoas), e que de nada están servindo os escudos sociais e os ingresos vitais se non se controla o prezo da vivenda –e podemos engadir agora, da enerxí–… está a dita rede apelando aos poderes públicos competentes e tamén, ou con máis precisión, especialmente, á Xunta de Galicia.

A lei marco estatal introduce unha batería de medidas, como a limitación de prezos para vivendas que aluguen propietarios de 10 ou máis vivendas (mediante un índice público de prezos de referencia do alugueiro para zonas consideradas como “tensionadas”); un bono de axudas directas para a mocidade que viva de alugueiro; unha reserva do 30 % para pisos protexidos en novas promocións de vivenda, ou a posibilidade de gravar con ata un 150 % adicional o IBI para as vivendas baleiras.

Pero son medidas marco, posibles, que teñen que actualizar, facer reais os concellos e a Xunta de Galicia. Visto o visto, a vivenda é o gran tema, tanto para xente nova como para as familias con ingresos precarios. Estaremos ben atentos, constitución en man.