Un dos maiores potenciais económicos de Galicia é o que se chama un “intanxible”, algo que non se toca, que non é “material”. Estamos falando da imaxe, do “imaxinario”, como se adoita dicir, que provoca a expresión Galicia cando se pronuncia en Europa: natureza e alimentos, verdor, aire limpo, ríos, rías, fragas e pasteiros. Pode parecer unha afirmación bucólica, pastoril, pero curiosamente é un activo económico de futuro: os mercados funcionan así, necesitan sitios impolutos (ou cando menos non tan “polutos” como a media ), algo así como reservas dunha agrosfera alternativa, ecolóxica e “apetecible”. Para o mercado “bio” Galicia sae con moita vantaxe.

Economicamente falando o Camiño de Santiago foi un escaparate que favoreceu esa construción da “marca Galicia” como verde e natural, enxebre e ecolóxica.

Dado que se furta o debate público sobre Altri, comeza a resistencia de base nas redes sociais

O gran proxecto industrial do goberno da Xunta para o interior de Galicia chámase “Altri”, unha nova celulosa. Ten matriz portuguesa, aínda que non o queren en Portugal e está proxectado construíla en Palas de Rei, no Camiño Francés. Ese polo que pasan 220.000 peregrinos cada ano.

Parecería pensado para demostrar aos camiñantes que aquela imaxe de Galicia era realmente “imaxinaria”, e que queremos ser uns máis no exército europeo das áreas contaminadas e contaminantes.

E dado que se furta o debate público, porque a TVG se dedica a outras cousas, comeza a resistencia de base nas redes sociais: #porunhaulloaviva #celulosasfóra #nonmetoquenoulla #Altrinon #defendamosanosaauga

E imos tendo información, tamén da RTVE en Galicia.

Altri consumirá 46 millóns de litros de auga/día e verterá despois ao Ulla esas augas, pero non no mesmo estado. É coñecido o funcionamento das celulosas e o antes e o despois da súas augas.

O Ulla, por debaixo da Ulloa, haberá que “repotabilizalo” dado que agora fornece de auga potable a 150.000 persoas dos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Padrón, Dodro, Catoira, Valga, Pontecesures, Vilagarcía e Teo. E o cambio climático, ademais, anticipa períodos de seca. Saben estes concellos o risco que van correr?

Emitirá xofre e óxido de nitróxeno pola súa cheminea de 76 metros de altura, o que implica fedor, afeccións respiratorias, contaminación da terra cultivable. Sen esquecer o efecto tractor na eucaliptización: plantacións masivas de eucalipto na zona centro de Galicia para fornecer a empresa de materia prima.

Nas redes fanse esa pregunta: vanse crear postos de traballo, certo, pero cantos se crearían se no canto de financiar esa Celulosa con 280 millóns de euros de diñeiro público se fixera un plan para iniciar 280 empresas de produción de alimentos saudables?

Pero iso todo é parte do debate furtado sobre que Galicia interior queremos.