A 44.ª Romaxe toma impulso na figura de Moncho Valcarce, para acabar preguntándonos pola actualidade da súa actitude vital, do seu compromiso ético e político e pola relación que todo iso ten cunha concepción liberadora da fe e da vivencia do “relixioso”.

No cristianismo primixenio, o dos relatos sinópticos, antes mesmo de que se inventase a Igrexa, xógase todo ao redor dunha mesa, unha comensalía aberta, na que se dá grazas, na que sempre hai varios pratos de máis. Pura poesía.

Na Romaxe abrimos a fiestra a pequenas ou grandes loitas que fan algo máis real o soño dunha Mesa enorme e planetaria

Esa mesa igualitaria e integradora é o gran símbolo dunha humanidade que se salva porque salva. É un símbolo que anuncia equidade para todas, felicidade no pequeno, coidado mutuo, sobriedade compartida, festa revolucionaria… É un símbolo de denuncia contra a economía do luxo, os mundos privativos, a cobiza das grandes corporacións e calquera forma de fascismo e de depredación egoísta dos recursos escasos. Na Romaxe poñemos a mesa e abrimos a fiestra a procesos históricos, a pequenas ou grandes loitas que fan real -ou algo máis real- esa Mesa enorme e planetaria.

Nunha Romaxe na que se parte da memoria do “crego das Encrobas”, cómpre logo actualizar os retos aos que el se enfrontou a finais do pasado século. Escrutar os sinais dos tempos, os desafíos do presente, que é a maneira mellor de honrar a memoria de Moncho Valcarce: por iso polas fiestras da Romaxe 2022 entra o movemento dos pensionistas por un sistema digno de redistribución da riqueza a través das pensións públicas; tamén o movemento organizado de base veciñal por todo o país, que cuestiona a maneira na que se está aplicando nas aldeas galegas a apisoadora dos macroeólicos; a revolta das mulleres para que a igualdade sexa costume na sociedade e na Igrexa; e as voces que denuncian o trato discriminatorio e inhumano con persoas inmigrantes e refuxiadas.

Recollemos neste número o recente manifesto do Espazo de Encontro de Crentes Galegos, no que se reflexiona sobre eses desafíos do presente, desafíos que marcan as nosas preocupacións e ocupacións e que, dalgunha maneira, tamén se integran na Romaxe deste ano: as guerras e o incremento do armamentismo, a precariedade laboral, os ataques aos logros feministas, a desigualdade e o consumismo que depredan o planeta, a necesidade doutra política ao servizo do ben común. Faise desde unha perspectiva crente: porque na defensa das vítimas e nos avances da Xustiza e da Paz revélase o sagrado de cada hora.