Un virus deixounos en shock; mesmo nos obrigou a adiar unhas eleccións.
Un trauma así nunca é agradable, pero pode ser unha boa oportunidade para repensalo e revisalo todo. Pasa nas vidas das persoas. Pasa tamén nas sociedades. En cuestión de días ese virus que se orixina en China puxo patas arriba toda a nosa vida, o sistema produtivo, a normalidade constitucional, as relacións sociais. En cuestión de horas fíxose real o incrible e comezamos a vivir no medio dunha película de ciencia ficción. Porque a realidade sempre acaba superando a ficción.
Este episodio ensina moitas cousas importantes. E reafirma principios que teimosamente vimos defendendo desde aquí. Vexamos.
As sociedades globalizadas necesitan máis ca nunca unha boa musculatura pública
O público non é o problema, é a solución
A ferramenta para controlar a situación foi, abofé, a sanidade e o resto de servizos públicos. Logo desta xa non deberiamos admitir máis demagoxia neoliberal sobre o “problema” duns servizos de titularidade pública, sólidos, solventes, ben dotados. O problema sería non telos. As sociedades globalizadas necesitan máis ca nunca desa musculatura pública, deses servizos de todos, os que garanten os dereitos básicos e a igualdade esencial. Non pode haber máis retroceso “antipúblico”. Cómpre aprender a lección. Están moi ben os aplausos desde os balcóns, pero hai que analizar moi ben que propón cada forza política cando se trata de votar.
A factura da globalización, non a deben pagar os que se benefician dela?
Velutina, SARS, couza da pataca, coronavirus, ….forman parte da longa lista de “danos colaterais da globalización”. Hai moitos máis: perda de biodiversidade, privatización de sementes e acoso á pequena agricultura local, competencia imposible do pequeno comercio cos xigantes de internet, etc… Os gobernos non teñen liquidez para atender tantas frontes, tantos damnificados. As políticas públicas “restauradoras” da saúde, da igualdade de oportunidades, da sanidade vexetal, da soberanía alimentaria, etc… causan aos gobernos unha débeda imposible. Esa factura non a están pagando nin Amazon, nin Google, nin Facebook. As grandes corporacións da era dixital e as grandes fortunas globais pagan uns impostos ridículos. Para cando un gran acordo europeo ao respecto?
A saúde é un tesouro fráxil e… comunitario
Non o tiñamos demasiado claro e agora tivemos a oportunidade de aprendelo.
A fortaleza non era tanta, pero sobre todo non o era porque para entender como funciona isto da saúde hai que conxugar a primeira persoa do plural: nós.
E nese “nós” entran as persoas vulnerables. Ti, eu, como individuos, podemos pasar o andazo, pero somos transmisores dun virus sen vacina e facilitamos dúas cousas: primeiro, que haxa xente de saúde fráxil que o pase realmente mal; segundo, que o sistema faga crack, que os sanitarios non cheguen, os respiradores se esgoten, que as urxencias se colapsen. O importante aquí é o “nós”, tal como pasa en todas as cousas importantes da vida.
Un dilema político-moral: a elección entre liberdade individual e a protección da fraxilidade.
O punto anterior ten este complemento: en certas situacións excepcionais hai que optar. O dilema moral é ben interesante e desafiante, tanto a nivel persoal como político: se concordamos en que a protección da fraxilidade é un ben superior á liberdade individual, esta debe autolimitarse ou debe restrinxirse pola forza. Unha democracia social, debería ter isto claro. Unha democracia -exclusivamente- liberal, non tanto. Unha dose de lectura pausada e interiorización das benaventuranzas aclara moitas cousas cando chegan os dilemas morais, as situacións límite e as prioridades debidas.
Cómpre prepararnos para transitar polo universo da incerteza, do imprevisible
O virus e a hipótese Gaia
Segundo a Hipótese Gaia, a vida, a biosfera, modulou as condicións orixinais do planeta para facelo acolledor e habitable, tamén para a vida humana. En realidade sería como se o planeta en si fose un ser vivo, cos seus anticorpos e defensas. Se hai un desquilibrio agudo, reponse facendo as correccións necesarias. Os desequilibrios que os humanos producimos en “Gaia” – deforestación, efecto invernadoiro, perda de biodiversidade, etc- teñen consecuencias. O coronavirus podería interpretarse, así, coma unha sorte de autodefensa de Gaia. De feito, non estará facendo máis este virus pola calidade do aire e a diminución de CO2 que todos os Cumios Mundiais do Clima?
Prepararse para un futuro de incerteza
Como sociedade pensabámonos poderosos e estables, capaces de case todo. Pero non tal. Agora transitaremos polo universo da incerteza, do imprevisible, do potencialmente catastrófico. A distopía (climática, sanitaria, bélica…) habita entre nós, a apocalipse non chega de súpeto pero hai quen a chama a berros. Os poderes públicos – e especialmente a Unión Europea- teñen que prepararse. Os partidos políticos tamén. Hai que orzamentar as continxencias e imprevistos. Hai que ter unha fiscalidade xusta, avanzada, eficaz e progresiva. Unha fiscalidade anticipatoria. Por iso, tamén, hai que ser serios para conter o crecemento da débeda pública, porque se está disparada, cando chegan os malos tempos xa non haberá capacidade de reacción.