Se un plan se mide polos seus resultados, o plan “plurilingüista” que a actual Xunta argallou e puxo en marcha logo do seu triunfo electoral en marzo de 2009 podería considerarse un fracaso. Ou non, quizais un total éxito. Depende de cal fose a real intención.

Referímonos a todo aquel movemento que se fixo para multiplicar o dominio de linguas entre os escolares galegos e converter escolas en centros “plurilingües” de castelán, inglés e mesmo, neste caso con estrita vixilancia inspectora, galego.

verdadeiro plurilingüismo nace da “exposición vital” ás linguas, do seu uso ordinario en contextos diverso

Na campaña electoral contra o bipartito, o PP aliouse con quen odiaba a posibilidade de que o galego recobrase vida ordinaria, usos en todas as esferas, normalización nas escolas. En Galicia soubemos ben que significaba aquilo da “posverdade” antes ca noutros sitios, cando descubrimos con abraio que Galicia Bilingüe significaba, en feitos e intencións, “España monolingüe”. A ruptura do consenso lingüístico logrado na era Fraga e concretado no Plan de Normalización Lingüística do 2004 era dinamitado. Máis de catrocentas medidas apoiadas por populares, socialistas e nacionalistas foron tiradas ao lixo e substituídas por algo indefinido que non pintaba ben porque contentaba os odiadores da normalización do galego. Era un prezo que había que pagar polo apoio electoral.

Os neurolingüistas están maioritariamente de acordo en que a familiarización temperá con dúas ou máis linguas acelera as conexións neuronais, flexibiliza o cerebro e predispono para futuras destrezas plurilingües. Somos bastantes en Galicia –no planeta Irimia hai abondas experiencias– que seguimos esa proposta: falarlle galego na familia aos nenos e nenas que aprendían castelán na escola, na tele, no súper ou na familia extensa. Durante unha época, a escola foi aliada nesa creación de individuos que falaban galego e castelán con naturalidade e fluidez. Porque o verdadeiro plurilingüismo nace da “exposición vital” ás linguas, do seu uso ordinario en contextos diversos.

O plurilinguismo escolar foi unha coartada para parcelar e minimizar o uso docente do galego. Para “non contaminar tanto a rapazada co galego”. As familias que apostaban polo plurilingüismo real quedaron sen apoio. Apareceron as máis dispares materias “en inglés daquela maneira”. O castelán fíxose en realidade omnipresente.

13 anos despois, o INE dá datos. O 28,2 % dos menores de 20 anos recoñece que non fala nada en galego ou con moita dificultade; o 32,8 % menores de 20 anos recoñecen non seren quen de escribir en galego.

E que tal de inglés? Pois o mesmo INE dá o dato: a nosa xente nova é a que ten o peor nivel de inglés de España. Un 74 % non entende nada de inglés.

Falta por saber que nivel de matemáticas, ciencias naturais ou física teñen aqueles que tiveron que estudar axudados por un profesor que facía o que podía para xestionar a súa materia, xa de seu complicada, cun inglés de B2 da escola de linguas.

Un éxito, está claro.