O integrismo -de todo tipo- caracterízase polo medo á incerteza e por un “agarrarse ás esencias” dunha verdade que se supón inmutable. O cambio provoca ansiedade. As “esencias”, os fundamentos, dan seguridade a quen vive atenazado polo medo.
O cambio en si mesmo é neutro. Pode haber cambios a peor, ou cambios innecesarios que non melloran nada. Pero a realidade sempre nos supera e nos sorprende. E obriga a repensarnos, a readaptarnos e a revisar calquera esencia e calquera fundamento. Os fundamentos, en definitiva, son os alicerces: o edificio pode reconfigurarse de moitas maneiras.
Na diferenza entre o insulto e o argumento está a razón de ser da democracia parlamentaria
Pasa na vida, nas parellas e cos fillos e fillas; pasa no mercado, na relixión e na política. O que acontece é que, especialmente na política, hai quen utiliza e encirra ese medo natural da xente para a súa conveniencia partidaria. Son os que viven do medo dos outros. E converter ese medo en odio semella ser unha operación relativamente sinxela.
No debate de investidura observamos esa tensión entre a apertura ao cambio e a reacción. Non imos entrar nos detalles nin nas autenticidades de cada quen. O caso é que todo indica que comeza unha lexislatura acre e barullenta. Un terreo soñado para buscabullas e matóns.
Nunha democracia o inamovible é precisamente o diálogo, a apertura, o intercambio e o debate. Os instrumentos son a escoita e a palabra. O estilo é o respecto. Nunha democracia parlamentaria non se confunden insultos con argumentos, porque na diferenza entre ambos está a razón de ser da democracia.
Sabemos que non hai democracia perfecta, pero hai que admitir que un parlamento é a expresión da diversidade. Todas as súas voces responden ao mandato popular. De todas esas maneiras distintas e mesmo opostas de ver a vida ten que saír unha maneira de ser sociedade, un xeito de goberno, un edificio común no que coexistir en paz. Ou é que queremos outra cousa? Ou é que hai outra maneira diferente e mellor de facelo que escoitar, debater, votar e respectar o resultado?
É así de fácil e así de difícil.