O país dos dez mil ríos do que falaba Cunqueiro merece, canda o seu idioma, mil primaveras máis.

Eses ríos, esas rías, a auga, son matriz, vida, símbolo deste país verde da fin da Terra. O desleixo e a contaminación da nosa auga é unha metáfora da deturpación do mellor que temos. Tal como se pon de manifesto na entrevista deste número, no país da auga temos un problema coa calidade e a cantidade da auga. Cómpre unha defensa activa. Outra máis.

Unha actitude persoal coherente e firme, cun talante aberto, non excluínte, dialogante

O 25 de xullo que vén é celebración e reivindicación. A palabra “nacionalismo” sempre resulta polémica, principalmente porque se usa para designar realidades diverxentes. Desde Irimia temos reaccionado sempre en contra dos chamados – ou mal chamados, velaí o debate- “nacionalismos” de base supremacista, os que se constrúen desde unha visión dominadora ou expansiva. Van da man da uniformización, laminan as diferencias culturais, lingüísticas e institucionais, aliméntanse dun mito de conquista, cabalgan no lombo da riqueza, exclúen aos esfarrapados da historia.

O galeguismo político nace na outra beira desa historia: a dos subordinados e excluídas. É a aposta pola vida en diversidade: biodiversidade. Está na natureza e tamén nos ecosistemas políticos. Galicia e o pobo galego merecen toda a soberanía que o momento histórico e a paz entre os pobos admita. Mantemos a aposta de Pepe Chao1 por unha actitude persoal coherente e firme, cun talante aberto: “o meu nacionalismo pretende ser tolerante, non excluínte, dialogante e sobre todo, moi paciente”. Hai ben anos que Chao falaba de “Matria”, máis que de “Patria”, con todo o que ese cambio de xénero poida achegar de novidade.

Sobre ese camiño e esa Matria, permitímonos recoller aquí, entresacadas, unhas palabras de Xosé Luis Rivas, Mini, nunha homenaxe a Avilés de Taramancos 2:

“Retomo o espazo entre a delicadeza e a resolución. Delicadeza pra sentir o amor, pra analizar a realidade con sentimento. Resolución pra entregarse a esa causa: a do amor á Matria, ás xentes deste noso amor. A resolución que inunda esa entrega, na certeza de que é só o camiño por andar o que interesa. A meta sempre será inalcanzable porque nese amor de perfección, a cada paso que andamos, afastamos outro tanto a consecución dos propósitos.

Aí está o quid da cuestión. A certeza do camiño. Construír un País. Unha Matria que sexa de todos, onde non caiban os ladróns, os corruptos nin a explotación do ser humano sexa legal e ben vista. Onde o aproveitamento sostible deste paraíso sexa o alicerce dunha vida feliz que se estenda, polo menos, aos fillos dos fillos dos nosos fillos. Onde o aire que respiremos sexa a atmosfera da igualitariedade. Onde só exista o amencer da esperanza colectiva. Onde sempre sexa primavera”.

1 – En “Itinerario da conciencia galega”. Laiovento. Santiago de Compostela, 2001
© Fotografías: Sebas Senande / El Progreso