Necesitamos -a humanidade necesita- encarar o segundo cuarto do século XXI con algún indicio de boa nova climática. Se non, corremos o serio perigo de entrar nunha espiral de depresión colectiva: se nos convencen de que xa non hai remedio, que somos incapaces de evitar o desastre, vainos invadir o “sen sentido”, a resignación e ese individualismo violento que segue ao berro de “sálvese quen poida”.
Propósito de aninovo: transitar da frustración paralizante a un activismo coherente
Nos últimos anos a xente xa está percibindo a crise climática nas súas vidas, tanto no Norte coma no Sur globais. Lumes forestais de nova xeración, secas inacabables, calor, frío, precipitacións e fenómenos meteorolóxicos extremos. Xa non é un “asunto dos científicos” nin “unha teima de ecoloxistas”. A ningún gobernante -con excepción da dereita extrema- se lle ocorre negar a crise ou rebatela cos argumentos dun cuñado ou dun primo como no seu momento fixo Mariano Rajoy.
As COP (Conferencias das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático) sempre defraudan. As organizacións ecoloxistas insisten en que, con todo, son unha ferramenta imprescindible. Non hai moitas máis. O consenso de Dubai foi magro e non vinculante, un mal menor: “transitar para deixar atrás os combustibles fósiles” (carbón, gas, petróleo) ata a súa erradicación en 2015.
Europa pode “culpar” a outros países desa falta de ambición climática. Pero no acordo acabado de cerrar sobre migración e asilo, Europa non ten a quen culpar: amosa os seus medos e miserias morais e incorpora medidas que teñen a súa marca de orixe na ultradereita en ascenso. Baixo enunciados edulcorados como a “solidariedade obrigatoria” implántanse mecanismos para librarse de obriga efectiva de acoller solicitantes de asilo. E pónselle prezo: a 20.000€ por migrante un país membro pode librarse desa “carga”.
O acordo redáctase desde o medo e a negatividade. Non se valora en positivo a achega humana, laboral, demográfica e cultural das persoas que veñen. Hai moita ideoloxía da mala por detrás.
Non caïamos na depresión. Como propósito de aninovo debemos transitar da frustración paralizante a un activismo coherente. En canto ao clima, calcúlase que as emisións responsables do quecemento dependen nun 70% da esfera pública e empresarial e nun 30% do consumo privado. Esixamos aos gobernos e sexamos coherentes nas nosas vidas. E como cidadáns sexamos parte activa de actitudes, estruturas e movementos de acollida e integración. Sen inxenuidades, porque o tema é complexo. Con militancia serea e paciente.