Isto tiña que ser un editorial de felicitación e ánimo para un novo ano, pero na semana na que nos poñemos a escribilo pasou algo insólito: un tribunal constitucional (TC) –de “maioría conservadora”, isto é, de nomeados no seu momento a instancias do PP–, con varios maxistrados co seu mandato caducado, prohíbelle de maneira cautelar ás Cortes –a sede da soberanía popular directamente elixida por sufraxio universal– continuar cos traballos de tramitación dunha determinada lei. E fano a instancias do PP presidido por Alberto Núñez Feijoo.

Houbo unha grave extralimitación e un enorme ruído que agacha a raíz do problema

Certo que o lexislativo, a maioría representada pola “coalición progresista”, estaba utilizando unha técnica de “aceleración do procedemento legal” moi cuestionable e cuestionada, que consiste, neste caso, en cambiar nada menos que a forma de designación dos membros do TC, mediante unha emenda a outra lei que nada ten que ver co alto tribunal. Son os xogos da política e dos calendarios electorais, xogos que todos practican e que os votantes coñecemos.

En todo isto houbo unha grave extralimitación e un enorme ruído que agacha a raíz do problema.

A extralimitación é que un tribunal constitucional está para revisar a constitucionalidade das leis que se fan na sede do lexislativo. E iso faise despois, sen interferir no labor do lugar máis sagrado dunha democracia. A orde do TC baséase nun suposto de “dano irreparable” aos dereitos democráticos dos parlamentarios do PP, cuestión que non está nada clara, e non é proporcional á acción emprendida para “solucionala”.

Porque cando se toma unha decisión tan tremenda, cómpre sopesar os bens xurídicos que entran en conflito: simplificar o debate parlamentario con estrataxemas e atallos é reprochable e pode revisarse a posteriori, pero a defensa dese ben xurídico nunca se pode facer sacrificando outro ben xurídico maior, que é o puro sustento dunha democracia: o libre exercicio pola cámara de representantes populares do seu dereito a lexislar. Leis recorribles, impugnables despois diante dun árbitro neutral que se chama Tribunal Constitucional.

Aí achegámonos á raíz do problema. Os catro anos de bloqueo, por parte do PP, da renovación do órgano de goberno dos xuíces e, de rebote, do propio Tribunal Constitucional. Un partido que se di “moderado” e con “vocación de goberno” entrou na dinámica do “trumpismo” e non acepta que o que o pobo elixiu nas urnas é un goberno lexítimo, que hai unha nova maioría social e política, emanada dunhas eleccións limpas e que a xudicatura debe renovarse de acordo con esa nova situación. Son catro anos de caneo institucional que Feijoo, en contra das expectativas creadas, non solucionou, senón que agravou.

O trumpismo madrileño xoga a deslexitimar, anunciando apocalipses. Un caos que precipite “algo”. De momento precipitou o deterioro dunha institución como o TC, onde dous maxistrados recusados por falta de imparcialidade –eles serían substituídos xa por estar o seu mandato caducado– tiveron a ousadía de non absterse e votar en contra da tramitación da norma que os afectaría. A reputación do Tribunal queda ferida. O deterioro e o ruído aumenta. Hai trebón no horizonte.