Hai asuntos da política exterior especialmente complicados. Simplificar é facer trampa. Marrocos, “empoderado” pola súa alianza estratéxica cos Estados Unidos, ten patente de corso e é un dos veciños máis incómodos que poden tocar en sorte. Quen traballara alí en cooperación ou en calquera emprendemento sábeo ben. Pálpase o medo, a autocensura, respírase control, represión, democracia falsa, machismo brutal e ostentoso; policía controlando os servizos sociais. Unha monarquía con aires teocráticos, impúdica e descontroladamente rica, unha atmosfera atafegante, funcionarios a dedo vivindo no medo.

Non son soldados, son sobreviventes, son traballadores e traballadoras

Son as leccións da historia, da socioloxía política, do sentido común. Non hai atallos. Usarán a xente que emigra, a súa propia xente, menores incluídos, como arma política. Como represalia, por exemplo, por ter acollido ao líder da Frente Polisario enfermo polo coronavirus. Iso foi o que pasou o mes pasado.

O inconcibible é que nesta altura, desde que comezou a presión migratoria desde África sobre unha Europa envellecida pero rica, coas sucesivas vagas de persoas que arriscan a vida por saltar os valados e cambiar de horizontes, non exista unha política Europea e de Estado e unhas políticas propias e adaptadas das nacionalidades e rexións para dar resposta a esa emerxencia humanitaria e convertela en oportunidade.

Europa, España, Galicia teñen deberes. A cooperación xa non é cousa do exterior. A pobreza rise de fronteiras e valados. Ese é o cambio de mirada necesario. Están aquí. Son parte das nosas vidas. Venden na feira, fan mudanzas, pescan nos cerqueiros, son xornaleiras, coidadores. As súas fillas e fillos, están cos nosos, as súas enfermidades son nosas, a súa frustración é -ou será- o noso problema. Son os nosos veciños e veciñas e non poden ser de quinta división. Non son soldados invasores como porfía a ultradereita, encirrando a violencia dos españolísimos. Son sobreviventes da guerra mundial por partes e non declarada da que fala Francisco.

Debería logo deseñarse un modelo tomando como referencia o que se fai en cooperación ao desenvolvemento en terceiros países. Eles, os que chegan, repíteno: queremos traballar, non folgar. Cómpre logo un sistema novo, flexible, pensado para eles e elas. Formación adaptada, á carta, distinta en cada sitio, mesturada con práctica laboral, con apoio financeiro europeo. Flexible e diversa. Levamos anos exportando licenciados a toda Europa. Pero aquí atopar un albanel con oficio dispoñible é case imposible. Capacitación real, acompañamento, aprender facendo, prácticas remuneradas. Destrezas, non diplomas.

E un plan escolar: escolas adaptadas á riqueza e dificultade que ten a convivencia de alumnado con dez idiomas diferentes que non debe derivar en fracaso escolar, senón en oportunidade educativa da vivencia na diversidade lingüística, relixiosa, cultural, gastronómica e, por suposto…, musical.

Crear sistemas dignos de tal nome. Pódese facer. Non son soldados. Son sobreviventes, son traballadores e traballadoras.