É posible un cambio político en Galicia sen un PSdG-PSOE asentado e ben liderado?
O PPG demostra que é unha máquina electoral portentosa, moi ben engraxada, capaz de arrepoñerse aos fallos. A implantación nas dúas provincias interiores, alí onde os escanos se poden conseguir con menos votos, garante ademais a vitoria electoral en eleccións moi axustadas. E Vox no dá asaltado o fortaleza. Unha vez máis queda a ultradereita fóra do mapa político galego. Hai quen dirá que é un tema menor, pero a presencia de Vox nos parlamentos autonómicos está condicionando as axendas lexislativas e incrementando o odio e a intolerancia.
O PSdG-PSOE leva desde o 2009 con disputas internas e sen un liderado claro e mantido no tempo. O seu poder municipal proxecta a impresión dunha forza “mosaico”, con agrupacións eficaces para conseguir concellos, pero sen un proxecto para Galicia e un rostro que o represente. Nestas eleccións presentaron un “líder con estilo”, pero lastrado pola sensación de improvisación, pola falta de programa (literalmente non o había) e cunha estratexia comunicativa pobre (resulta sintomático que non responderan as preguntas formuladas por esta revista, tal como fixeron BNG e SUMAR, trasladando unha impresión de caos). Alguén pensa que é posible un cambio político en Galicia sen un PSdG-PSOE asentado e ben liderado?
O BNG apostou todo ao liderado de Ana Pontón, intentando en serio o cambio político xa desta volta, e aproveitando a campaña, ademais, para conseguir poñer enriba da mesa unha auténtica axenda galega. Nos debates formulou cuestións de calado que agora é difícil eludir: a transición enerxética xusta e a tarifa eléctrica galega; o estado das rías; o recate da atención primaria; os cuidados das persoas maiores; o abandono do monte e do rural; a intervención pública en Alcoa; un ensino que garanta realmente a competencia bilingüe do alumnado; o rescate das autoestradas; o Galtren; etc…
Si, quizais pode dar a impresión de que todo segue igual. Pero tamén pode dar a impresión xustamente contraria: que está pasando algo distinto en Sitio Distinto.