A Dilexi te debería ser lectura obrigada para todos estes novos movementos de mozos e mozas
O debate céntrase en se é algo con fundamento ou unha moda pasaxeira. Unha parte deste presunto renacer relixioso aparece vinculada ao renacer dun conservadorismo ideolóxico e á falta dun compromiso social e ético, cando non directamente a un compromiso en sentido contrario. Protestas públicas e acoso fronte a clínicas onde se practican abortos legais, rezo de rosarios nas prazas (rosario de homes), peregrinacións a Covadonga ou Fátima, cheas de connotacións e símbolos patrióticos dunha España “una, grande y libre” que sae dos faiados do tempo.
Moitas destas dinámicas teñen unha forte compoñente emocional ou sentimental, mais adoecen de opcións comprometidas cara aos empobrecidos, aos inmigrantes, ás vítimas dos xenocidios ou da violencia machista, e mesmo asumen discursos contrarios ao diferente, ao estranxeiro: “¡España cristiana y no musulmana!”, berraban centos de mozos chegando a Covadonga no último verán. Parafraseando a alguén, nestes terreos, onde non hai unha boa teoloxía (reflexión), o que hai é unha mala ideoloxía.
O papa Francisco deixou case finalizada unha exhortación apostólica que asumiu e completou o papa León: Dilexi te – Ameite (por certo, chegará o día en que se nos ofrezan estes textos en galego?). Debería ser lectura obrigada para todo cristián, especialmente para moitos destes novos movementos de mozos e mozas. Un par de bispos ultramontanos esbardallan e condenan a todo aquel que non se asemelle a eles; fáltalles asinar a fátua contra xente como Pablo d’Ors, Xavier Melloni e o noso Andrés Torres Queiruga. Non sería de estrañar unha queima pública das súas obras, mais onde queiman libros acaban queimando xente. E lerán a carta do Papa?
“Non se pode amar a Deus sen estender o propio amor aos pobres. O amor ao próximo representa a proba tanxible de que o amor por Deus é auténtico” (Dilexi te, 26).
Cúmprense no novo ano os 800 anos da morte de san Francisco de Asís. En Greccio, Italia, Francesco ideou o primeiro belén vivente da historia. Quería ver cos seus propios ollos a privación na que naceu Cristo: naceu pobre e viviu pobre. Rexeitar aos pobres, aos inmigrantes, a quen necesita un apoio social… non é rexeitar ao meniño de Belén?