Estas de xullo de 2020 son, sen dúbida, as eleccións galegas máis estrañas na nosa historia recente. Cando escribimos isto non se percibe o ambiente que habitualmente hai nas semanas anteriores a un evento desa importancia. E quizais non toda a culpa sexa da COVID-19.

Quere a esquerda gobernar Galicia? Quere articular un acordo amplo, inclusivo, sensato, de país?

Moitas sondaxes indican que todo seguirá igual. Que preferiremos esa discreta e mediocre atonía, sen un proxecto de país á altura da historia, identidade e potencial económico de Galicia, un ir tirando carente de luz propia, “subsidiario de” e “subsidiado por”. Que nos seguiremos agarrando ao mal menor Feijoo, a ser o noroeste doutro sitio, as provincias sensatas desde as que un PPG non fascista –que visto o visto disque non é pouco– dá exemplo ao resto da “España conservadora ultra” de como se debe comportar unha dereita responsable. Desde fóra, Feijoo é un mestre da mesura. Desde dentro sabemos que tamén é un mestre da cosmética.

Un exemplo sintomático. O recente rexeitamento que os colectivos de sanitarios manifestaron do soado bono turístico de 250 € para gastar en hostalaría, un premio do goberno da Xunta polo esforzo fronte á COVID-19 . As razóns para rexeitalo coincidían: a precariedade laboral do colectivo é un tema de calado, non se pode frivolizar en campaña electoral cunha “propina”. E a cosmética con marca da casa quedou en evidencia. Efectivamente, ter as enfermeiras, un exemplo ben claro, con contratos dun día, a libre dispor, 365 días ao ano, sen vida propia, so pena de quedaren laboralmente penalizadas, lévase moi mal cos grandes anuncios. Non, a sanidade ten problemas de financiamento, o que non o priva de presumir de rebaixar impostos de sucesións e outros tributos propios, trasladando a idea –moi do catecismo neo-liberal– de que os impostos son prescindibles. Non, coas traballadoras novas nesas condicións ata máis aló dos 40 anos, calquera “plan de impulso demográfico” é unha mascarada. Non, enfraquecer –vía ingreso e vía gasto– o servizo público non pode ser á conta da conciliación e das condicións de vida e de traballo de, sobre todo, as traballadoras.

Nunha democracia debería reivindicarse o dereito á esperanza

Outros datos, e aquí sería decisiva unha campaña electoral pandémica na que os medios de comunicación e as redes sociais serían elementos decisivos, indican que todo podería ser posible. Mesmo, antes de arrincar a campaña, houbo sondaxes que sinalaban a posibilidade de que, por primeira vez, podería haber unha muller presidenta da Xunta e, por primeira vez tamén, sería unha presidenta nacionalista. Dependendo moito, iso si, da mobilización, da participación, da ilusión e a confianza que inspire un posible cambio. É abondo depender, moito depender, pero depende diso. Ana Pontón xa demostrou anteriormente a súa capacidade baixo presión nunha campaña.

Pero coa matemática electoral e o material humano dispoñible, a pregunta é a que é: como vai avanzando a alternativa pendente? A crible, queremos dicir. Esa que, si ou si, necesita sumar. Porque os intentos, periplos e espectáculos dos últimos anos, sempre condicionados por personalismos por unha banda e axendas de partidos estatais pola outra, poden resultar moi entretidos, pero son unha ofensa para tanto traballo desinteresado, xeneroso, de xente de base nas Mareas. E o que é peor, devólvenos á pregunta de sempre: Quere realmente a esquerda gobernar Galicia? Quere toda ela articular un acordo de ampla base, inclusivo, sensato, progresista, de país, arredor da candidata ou candidato que máis votos acade? Falaranlle diso ao electorado como unha posibilidade certa sobre a que se van dando pasos concretos? Xa iniciaron algún contacto? Están xa arremangados co seu gabinete na sombra de expertas e expertos por áreas de xestión? Serán quen de trasladar ilusión, de amosar capacidade e madurez?

Nunha democracia debería reivindicarse o dereito á esperanza. Razoable, humana, con defectos. O dereito a ter sempre unha solución de recambio fiable e ilusionante.