Prioridades, axendas, estilos. Que é o importante, o escandaloso, o decisivo no medio dunha pandemia? Errar nos números e rectificar despois? Que os nenos poidan ir ao supermercado, e rectificar despois? Se se fai un escándalo de cada anécdota, vai haber tanto ruído que non se discutirá o fundamental. Por exemplo: o modelo de residencia de maiores. Outro, o virus recentralizador. Falemos hoxe do primeiro.

Se se fai un escándalo de cada anécdota, vai haber tanto ruído que non se discutirá o fundamental

Os expertos din estes días que o “modelo” de grandes residencias privadas, sobredimensionadas para minimizar os custos, non é o máis acaído. Entre os centros con máis casos e mortalidade pola COVID-19 están os do grupo DomusVi: de Aldán, Barreiro-Vigo e San Lázaro. Esta empresa fíxose no seu momento coa propiedade de Geriatros, de Caixanova. Trátase dunha propiedade dun gran Fondo de Investimento, por máis que os seus ingresos sexan, por vía directa ou indirecta, fondos públicos que pagan dereitos: o de atención a grandes dependentes e o dereito a unha pensión.

Vólvese ao punto de partida. Para Galicia o máis acaído serían, disque, pequenas residencias comarcais -“coma as de Dinamarca” sinalan-, con vocación máis de servizo público ca de negocio, distribuídas polo territorio, próximas.

Esa rede comezaba en Galicia, a partir da Lei de servizos sociais de 2008, canda o bipartito. O organismo público chamábase Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Centros de día comarcais e mini-residencias en rede, públicas, cun sistema harmonizado de xestión. Estes días, por certo, comentouse que as residencias con menos incidencia da COVID-19, coma a de Ortigueira, por exemplo, eran as herdeiras do “modelo Consorcio”.

Pero o do Consorcio e o PP é un caso para analizar nas facultades de Políticas como exemplo de antipolítica pública ou, se cadra, de emperrechamento público. Había que destruílo. Venderon en campaña aquilo do “chiringuito do bipartito” e, xa no poder, matárono propagandisticamente varias veces. Pero seguiu vivindo, e segue vivo, porque era realmente unha boa solución. Gobernar é distinto de esbardallar.

O cambio da Xunta a partir de 2009 foi na dirección que agora se cuestiona. Entraron os grandes grupos privados no negocio dos “maiores”. A cousa podería funcionar, máis ou menos. Pero a privatización dos servizos que xestionan dereitos básicos debe implicar un sistema de inspección eficaz.

Se a metade dos mortos van ser internos en residencias de maiores, haberá que investigar. E se se fai algunha comisión de investigación parlamentaria, sería do máximo interese comprobar a evolución da Inspección de Servizos Sociais, revisar os criterios, as denuncias, as actas de inspección e os expedientes sancionadores incoados a estes grupos empresariais en xeral e ás residencias máis afectadas en particular.