Somos un nosoutros. Somos materia comunitaria, arxila que resulta de moitos sedimentos, terra fértil de aluvión dos que nos precederon e nos fixeron posibles e tamén de quen nos foi construíndo a par de nós no camiño da vida, desde que nacemos, feridas incluídas.

O devalo do común, do comunitario, ten varias facetas. Unha delas é socioeconómica; outra, nesta altura, precisa dun diagnóstico psiquiátrico da sociedade das pantallas, e ademais, todo este fenómeno ben merece unha mirada teolóxica.

Descentrar a nosa vida do noso adorado “Eu” é toda unha tarefa espiritual

Nesta tecnocracia, na que nos foron instalando, a desigualdade foise facendo enorme. Estamos tentados e urxidas a gramar no botón do ascensor social para distanciármonos do fracaso e dos fracasados. Son fugas individuais, para un “ser coma eles”, coma os vencedores. É o discurso mentirán da persoa “que se fai a si mesma”, para arredarse dos que non son coma min, co meu merecido lugar na escada social. E a “chamada” é a segregármonos, fortificarnos en barrios respectables, en colexios selectos, na medicina privada.

A socialización en pantallas e redes sociais – en realidade unha non-socialización – opera como aliada dese empobrecemento das relacións sociais reais, da amizade con empatía, das alianzas para a mellora do común ou por calquera causa xusta. Depresión, condutas autolesivas, déficit de atención e incapacidade de reflexión, de comprensión lectora ou de contemplación, son parte da epidemia tecnopsiquiátrica da nosa hora. Diríase que é un resultado buscado, que responde a intereses de personaxes con tantos dólares e poder sobre as nosas vidas como falta de escrúpulos.

Descentrarnos, descentrar a nosa vida do noso adorado “Eu” é toda unha tarefa espiritual. Hai moito traballo interior nese emprendemento. Pero paga a pena. Poñerse en clave comunal é poñerse en clave de servizo, do auténtico, do que non se mercadea. “…coidar a fraxilidade. Servir significa coidar aos fráxiles das nosas familias, da nosa sociedade, do noso pobo. Nesa tarefa cada un de nós é quen de deixar de lado as súas procuras, afáns, desexos de omnipotencia diante da mirada concreta dos máis fráxiles”. A cita non está precisamente en liña co que predican os tecno-oligarcas e as súas marionetas políticas. É de Francisco na “Fratelli Tutti”, nin máis nin menos.