“O contacto con quen non ten poder nin grandeza é un modo fundamental de encontro co Señor da historia”. Este é un texto literal e significativo da “Exhortación apostólica” que inaugura o papado de Robert F. Prevost, o Papa León XIV. Nese documento inaugural complétase un escrito inacabado do seu antecesor, o Papa Francisco.

Evidentemente o estilo, as imaxes e as referencias están marcadas por unha linguaxe vaticana ou maxisterial – cada xénero literario ten a súa-, pero o documento fai achegas de calado, tanto por quen as di como polo momento no que se din.

Non se trata de beneficencia, senón dunha maneira de estar no mundo

León XIV recupera formulacións da teoloxía da liberación como a da “opción preferencial polos pobres”, en quen, indica, “encontramos impreso o sufrimento dos inocentes”; e renova o concepto de pobreza e a súa diversidade: “a falta de sustento material, a de quen está socialmente marxinado sen instrumentos para dar voz á súa dignidade e capacidades, a pobreza moral e espiritual, a pobreza cultural, a de quen se encontra en condicións de fraxilidade persoal ou social, a pobreza de quen non ten dereitos nin liberdade”. E no texto denúnciase a economía que mata, a falta de equidade que está na raíz dos males sociais, a violencia contra as mulleres, a desnutrición, e demándanse políticas inaprazables que garantan o dereito á educación ou o necesario acompañamento aos inmigrantes.

O máis decisivo, non obstante, é o lugar, a importancia que nun documento papal se lle outorga a esa categoría -”pobre” “pobreza”- na fe cristiá. A rotundidade coa que se afirma que “non estamos no horizonte da beneficencia, senón da Revelación”, é dicir, que non se trata dunha actividade benévola para o tempo de lecer, senón de algo central no fundamento e no sentido da experiencia vital, dunha maneira de estar no mundo, das causas que se apoian, da vida que se vive, do mundo que se soña.

Todo isto noutro contexto e noutro momento histórico sería importante, sen dúbida. Pero dicilo xusto agora no que o poder dos ultrarricos, o capricho narcisista dos poderosos, o militarismo e a “caza do inmigrante” están en todas as portadas resulta un exercicio de impagable profecía.