Hai un proverbio africano que di que o mellor xeito de honrar a un defunto é traballar a súa horta. No mes de agosto, na ribeira do río Araguaia, no cemiterio dos indios Karajá, entre unha prostituta e un peón, recibiu sepultura o bispo e profeta Pedro Casaldaliga. Durante anos o mesmo Pedro enterrou nese lugar centos de campesiños asasinados a causa da defensa dos dereitos indíxenas. Había tempo que unha nova relixiosa non tiña tanta repercusión nos medios de comunicación de todo o mundo.
Na ribeira do río Araguaia, no cemiterio dos indios Karajá, entre unha prostituta e un peón, recibiu sepultura Pedro Casaldáliga
O bispo, profeta e poeta, apercibido pola inquisición romana que lle quixo impor o silencio, foi un auténtico místico e, como tal, rebelde e libre. Non se trata aquí de trazar un esbozo da súa vida -sería doado- senón de descubrir as claves de Pedro coma interrogante ante as nosas formulacións de crentes nun tempo e nun país.
O radicalismo evanxélico ao estilo de Xesús de Nazaré, bebendo primeiro da oración e a contemplación para poder vencer as tentacións do poder, o dominio, a fortuna. Crear espazos de silencio e de escoita nas nosas comunidades, conducidos ao deserto polo materno espírito para buscar a primeira liberación, a do propio ego.
Exercer a profecía, como compromiso coa nosa terra, na nosa cultura, na lingua da nosa xente. Descubrir e denunciar os poderes opresores que afogan a vida das persoas, agachados cos disfraces de consumo, benestar, pensamento único, comodidade, clericalismo, individualismo, desmemoria, ritualismos…
Compartir a pobreza e descubrir a ausencia de Deus na falta de pan, traballo, vivenda, saúde, paz, alegría! Recuperar a Deus recuperando pan, traballo, dignidade. Desde a opción de vivir pobres e sinxelos-non querendo ser máis que “vestidos polo vento” que escribiu Casaldáliga.
Sendo co-creadores e coidadores convencidos da nai terra e todas as criaturas, comprometidos con toda causa que defenda o coidado da casa común. “Queremos terra na terra, xa temos terra nos ceos”, cantamos na romaxe de Arzúa lembrando aos Sem Terra de todo o mundo. Os terratenentes, os fazendeiros levan agora o nome de grandes corporacións, multinacionais, celulosas… e deforestan non só os bosques, tamén o corazón de moitas persoas.
Pedro Casaldáliga viviu ata o extremo estas propostas, arriscando tantas veces a vida: “As miñas causas valen máis que a miña vida”. Quixeron ignoralo porque unha vida auténtica como a súa deixa á vista as vergonzas da hipocrisía. Quédanos seguir traballando a súa horta guiados polo seu cantar:
Não ter nada.
Não levar nada.
Não poder nada.
Não pedir nada.
E, de passagem,
não m atar nada;
não calar nada.
Somente o Evangelho, como uma faca afiada.
E o pranto e o riso no olhar.
E a mão estendida e apertada.
E a vida, a cavalo, dada.