Antes de nada, franqueza: o texto da Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual ten fallos, tal como se puxo de manifesto en diversos medios, faladoiros e artigos de persoas expertas. Pero non invalidan o acerto e a oportunidade de lexislar sobre esta materia.
Non podemos perder de vista o punto de partida. Cómpre lembrar a sentenza en primeira instancia daquela violación por parte de seis homes (dos que unha parte traballaban para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado) nas festas do San Fermín en 2016. Aquel escándalo fixo que se nos revolvesen as entrañas e que saísemos ás rúas en masa. Naquela sentencia desbotábase o emprego polos acusados de violencia ou intimidación (condición necesaria para o delito de agresión) e condenaba cun tipo penal máis leve, o de abuso sexual agravado con prevalemento. Aceptábase así, en gran parte, a tese da defensa da “manada”.
Cos seus erros e acertos, estamos diante dunha lei necesaria e lexítima, que superou un longo procedemento previo
A chamada “Lei do si é si” responde á necesidade de, por unha parte, ampliar o marco lexislativo existente introducindo conceptos como consentimento expreso, submisión química etc., que forman parte da nosa realidade e que ata agora non tiñan cabida na lei penal; e, por outra, e isto é relevante, aínda que non se fale apenas, máis aló do castigo penal que hai que aplicar, dispoñer de medidas de protección e acompañamento para as vítimas.
Púxose o foco e engordouse o bulo de que esta nova lei servía para “deixar libres moitos violadores”. A nova lei non reduciría en xeral as penas, sempre que, como recoñecen reputados xuristas como Martín Pallín, se aclarase e mantivese que lle resulta de aplicación a disposición transitoria segunda do Código Penal, que establece con carácter xeral que se a pena imposta pola lei anterior se pode impoñer tamén coa nova, non se debe modificar a condea. En todo caso, como recoñecen esas mesmas voces expertas, a aplicación do Tratado de Istambul, integrando todos os delitos nesta materia como agresión sexual, facía necesario rebaixar os mínimos dalgunhas penas para que os xuíces puidesen dispoñer dunha marxe máis ampla para individualizalas. Isto, xunto coas súas consecuencias, debía explicarse con antelación.
A interpretación nos xulgados foi diverxente. Houbo convictos que se beneficiaron. Pero fálase menos dos que mantiveron a súa condena. Un caso rechamante deste segundo grupo foi protagonizado por un dos delincuentes da “manada”. En todo caso, esa é tarefa de xuíces e maxistrados e sería un erro avaliar os efectos que produce unha lei, sen agardar a que esta se asente no ordenamento xurídico.
Cos seus erros e acertos, estamos diante dunha lei necesaria e lexítima, que superou un longo procedemento previo á súa aprobación. Revisada por varios ministerios, por consellos consultivos, polo Consello Xeral do Poder Xudicial, polos letrados das Cortes e polas súas dúas cámaras. Non querer recoñecer este feito é ignorar os procedementos e responsabilidades compartidas do proceso de lexislar en democracia.