En pleno conclave, pouco antes da elección de Francisco, esta revista, tras aquela longa travesía polo deserto involucionista dos dous papados anteriores, preguntábase na portada: “E se o Espírito Santo perdese a paciencia?”, achegando unha coñecida foto na que cae un raio sobre o pináculo da cúpula de Michelangelo na basílica da San Pedro. Parabéns por estardes subscritos/as a unha revista con acreditado instinto profético.

O cambio proposto reconfortou sectores antes marxinados e anoxou a “caverna ultracatólica”

Complicada herdanza a de Francisco: o Vatileaks, a pederastia, a banca vaticana, os lexionarios de Cristo e similares, a ruptura coa modernidade, o odio recíproco co feminismo, un “pío cinismo” no enfoque sobre a homosexualidade… E máis preto nosa, as inmatriculacións, a connivencia con poderes corruptos, un pasado de nacionalcatolicismo e un presente de nostalxia daquel infame pasado. E como consecuencia diso, cando menos nas sociedades occidentais de tradición católica, e na nosa en particular, todo un descomunal descrédito da Igrexa, unha fuxida crecente de avergoñados fieis -principalmente mulleres e xente situada na esquerda social e teolóxica-, e unha crecente irrelevancia.

Pero certamente con Francisco cambiaron os aires nas capas altas da atmosfera eclesiástica. Non en todo -cousa ben difícil- pero a todos e todas sorprendeu o cambio da aire xa desde a exhortación fundacional do papado, a Evangelii Gaudium: linguaxe fresca, novas prioridades, novos acentos. E confirmouse en multitude de discursos, declaracións, entrevistas, así como na “ecoloxista” Laudato si’ e na “laborista” Fratelli Tutti. Tamén en símbolos e xestos que valen tanto ou máis cós documentos.

Lanzados os desafíos do cambio franciscanista trátase agora de que, desde abaixo, se reforce esa renovación de maneira activa e participativa.

Francisco, con sólidos argumentos do Evanxeo e da mellor tradición, vai propoñendo alternativas de radicalidade e esperanza para a humanidade, en clave de líder global, confrontándose a trupms, bolsonaros e putins, situándose a carón dos grandes movementos sociais alternativos que combaten as consecuencias do neoliberalismo e unha globalización deseñada contra os pobres. Unha boa mostra son os seus recoñecibles “nons”: non a unha economía da exclusión e a iniquidade que xera refugallos humanos; non á globalización da indiferenza, dun benestar polo consumo e o mercado que nos anestesia con respecto ao drama dos demais; non á idolatría do diñeiro que sacrifica persoas, o medio natural, familias, territorios e pobos; non a unha economía que mata e produce unha crecente inequidade que xera violencia.

Sinodo 2021 - 2023

O cambio proposto reconfortou a moitos sectores antes marxinados, ou baixo sospeita de “pouco católicos” por estaren comprometidos en pé de igualdade en movementos sociais e causas xustas sen “etiqueta católica”. Tamén agradou a moita xente de valía que fora privada das súas cátedras teolóxicas, expulsada dos movementos ou parroquias, ou fatalmente cansa de aturar unha vida parroquial clericalizada, integrista ou encubridora de abusos de todo tipo. Pero na mesma medida anoxou os “cargos intermedios” rouquistas e a toda unha caverna ultracatólica que comezou a organizarse para que nada cambiase.

Francisco impulsa agora un proceso de conversión sinodal da Igrexa. Para iso convoca un Sínodo para reflexionar sobre a sinodalidade. Parece un xogo de palabras. Viría sendo algo así: para facer unha Igrexa non clerical, senón comunitaria e participativa, hai primeiro que saber que se entende por “participar”. E a participar apréndese participando (ou en linguaxe vaticana: a sinodolizar apréndese sinodolizando).

Parece que hai unha estratexia: lanzados os desafíos do cambio franciscanista trátase agora de que, desde abaixo, se reforce esa renovación de maneira activa e participativa. É como unha chamada en forma de pregunta: Queda alguén por “aí abaixo” que apoie a transformación proposta? E xunto con esa pregunta retranqueira xorden outras máis formais: Con cantos efectivos dentro da Igrexa conta a proposta de Francisco? Que pasa se os aliados de Francisco –ou cando menos as simpatías cara a el- para esa transformación están fóra das estruturas clericais, do que socioloxicamente se entende por Igrexa? Poden esas estruturas de sempre intermediar e conducir un proceso de consulta coa intención de renovar a fondo as mentalidades, a maneira de estar no mundo e os funcionamentos da Igrexa? Que porcentaxe dos párrocos están entusiasmados pola oportunidade -tal como di o documento preparatorio da consulta- de vivir un proceso eclesial participado e inclusivo, que ofreza a cada un –en particular a cuantos por diversas razóns se atopan en situacións marxinais– a oportunidade de expresarse e de ser escoitados para contribuír na construción do Pobo de Deus?

Primeiro hai que saber que se entende por “participar”. E a participar apréndese participando

Esas e outras moitas preguntas suscítanse no seo de Irimia, nos grupos, comunidades e persoas que participamos dese horizonte común. A pluralidade interna con respecto á Consulta é expresiva da nosa diversidade: hai quen a vive con grande escepticismo, hai quen ten expectativas positivas. Desde Galicia para o mundo, Irimia é un refuxio de fronteira, un espazo de vida, de debate crítico e de celebración da fe e da esperanza. É na práctica, na acción celebrada, nas angueiras compartidas -que tamén compartimos en boa medida con Francisco- na que vivimos a nosa fraternidade, con crentes e non crentes, nas causas xustas desta hora.

Desde ese lugar e desde esa diversidade e flexibilidade estamos participando no proceso. A consulta presinodal e a posibilidade de escoitar a todo o pobo de Deus para o documento postsinodal crea unha situación nova e desafiante, do que é proba a frialdade coa que é acollida polos que ostentan o poder na institución.

En todo caso as nosas achegas, por pura honestidade, serán para reforzar aquelas ideas forza que propón Francisco e que están en sintonía coa nosa traxectoria: facer da Igrexa unha comunidade de comunidades participativas e dialogantes coa sociedade; reforzar a liña “franciscanista” da denuncia profética a favor da equidade, da redistribución, da inclusión social e do coidado da casa común que é o planeta Terra; ser militantes contra unha economía neoliberal que mata.

Igualmente cómpre que remarquemos aspectos que non están na “axenda”, cando menos dunha maneira clara, como -na liña proposta polo episcopado alemán- a necesidade histórica da igualdade de xénero dentro da Igrexa, incluíndo evidentemente o acceso da muller ao sacerdocio. Ou, por último, algo que si podería ser realmente revolucionario: a fin da exclusión e o recoñecemento eclesial a grupos e movementos alternativos e dispersos, practicamente condenados á marxinalidade na institución como as comunidades cristiás de base, Redes cristiás, colectivos feministas (como a Revolta das Mulleres ou CCD), de persoas homosexuais (FELGTB), ou colectivos críticos co actual sistema sacerdotal (MOCEOP)