A Romaxe de Crentes galegos, promovida pola asociación Irimia, viviu tempos nos que era parte da vangarda na transformación de Galicia. Parece grandilocuente, pero hoxe hai teses de doutoramento que estudan a importante achega na reconstrución cívica e democrática deste país daquela rede de parroquias e comunidades cristiás que no tardofranquismo e na transición souberon incorporar unha perspectiva de encarnación cultural galega e unha vivencia e unha práctica liberadora da súa fe, sempre a carón das causas xustas da xente “menos privilexiada” naquela sociedade de clases con intención democrática que emerxía tras 40 anos de ditadura. A Romaxe era parte e referencia de quen quería facer “fuxir os ventos” dos “agoireiros, dos vellos tempos” tal como berraba a letra dese himno fundacional que escribira Xoán Mato. E convocaba autobuses de xente e xuntaba 5000 persoas, nunha orixinal liturxia e festa de irmandade, esperanza e reivindicación.

A Romaxe é unha declaración de que outra Galicia, outro cristianismo e outro mundo é posible.

Os tempos mudan. Os eventos de moita xente, en xeral, non pasan polo seu mellor momento, quitados os fenómenos “virais” e grandes concertos de grandes figuras con enormes orzamentos e promocións. As experiencias “romaxeiras” compiten mal con outras alternativas. As masas van e veñen “conducidas”, como nun pesadelo de Orwell. A maiores, a sociedade actual, especialmente as xeracións emancipadas dunha tutela católica outrora asfixiante, así como os sectores “progresistas”, teñen unha sospeita -con xustificacións variadas, abondosas e as máis das veces certas- sobre todo o que se defina como crente ou teña “reminiscencias relixiosas”. Na propia cultura de esquerda, na conciencia emancipatoria, sófrese para convocar, organizar e mobilizar inquedanzas e persoas, máis dadas a manexarse pola vida a golpe de “clic”. E, finalmente, aquelas comunidades e parroquias e aqueles curas galeguistas que se identificaban e mobilizaban son menores en número e forza vital.

Convocar a Romaxe é un acto contracorrente, case que unha ousadía contracultural. É un encontro físico, de apertas e reencontros, de poñerse ao día, de tocarse e celebrarse. É unha iniciativa de base social, sen apoio de gobernos, nin corporacións privadas, nin grupos de interese mercantil ou doutra índole. É unha declaración de que outra Galicia e outro mundo é posible, celebrando a enxebreza e a diversidade cultural e lingüística con naturalidade, sen sectarismos, con firmeza. É unha reivindicación de que outro cristianismo é posible, se non está manipulado, desactivado polas forzas da reacción e o integrismo. É un acompañamento solidario e agarimoso de iniciativas pequenas que fan unha Galicia máis solidaria, máis igualitaria, máis coidadora, máis digna e reconciliada consigo mesma.

Feliz romaxe, contracorrente e cantareira.