Como anunciamos recentemente, a revista Irimia finaliza con este número toda unha etapa, a que podemos considerar iniciada en 1993, co traslado da mesa de redacción a Santiago de Compostela, cun primeiro treito de periodicidade quincenal e un segundo, mensual. Iníciase agora unha nova xeira.

Cambios así son un bo momento de parar e dar razón, e razóns, do pretendido e do feito neste tempo.

Unha feliz “anomalía” chamada Irimia

“Revista de crentes”. Lembremos aquel contexto dos noventa: unha recente e tatexante democracia e unha modernidade afortunadamente máis laica que sospeitaba e sospeita, con sobradas razóns históricas, de todo o que tivese connotación “eclesiásticas”; uns ventos vaticanos en clave “wojtyliana” e “rouquista” reaccionando contra os “excesos” das comunidades de base, da renovación parroquial e dos cregos galeguistas e antifranquistas, e condenando ou acosando a teólogos post-conciliares como Torres Queiruga etc… Nese escenario a Irimia seguiu sendo dalgunha maneira unha voz de difícil clasificación, algo “fóra do normal”. Recentemente celebráronse datas conmemorativas da fin da ditadura franquista e a pouco que se escarve na historia e no noso presente socio-cultural, vemos como as feridas, apropiacións e prexuízos sobre o que poderiamos chamar “o fenómeno relixioso” son de difícil superación na modernidade, na memoria, e na cultura da esquerda, por veces cunha certa dose de esquematismo. O nacional-catolicismo foi un desastre, unha malversación. En sentido contrario, situarse sen prexuízos no diálogo fraterno, establecer pontes, poñer o acento en proxectos humanos liberadores nos que camiñen do brazo persoas que se confesan crentes con outras que non, xerar unha espiritualidade para vivir unha vida boa, poñer o foco en definitiva na “humanización da humanidade” e non nas etiquetas de cada quen… foi un reto que aceptamos con gusto. E para sermos xustos, un papado como o de Francisco foi toda unha confirmación da nosa aposta.

De crentes “galegos e galegas”. Non menos envelenado pola nosa historia có par “relixioso-irrelixioso”, está a “cuestión galega”: “o pobo, a lingua, a fala”, a identidade minorizada e o auto-odio inoculado nas xentes galegofalantes. Esa ferida histórica na que a Igrexa en Galicia, como institución -quitados exemplos espléndidos de todo o contrario sempre presentes na nosa revista- nunha quixo en serio reparar. Facer normal o galego na nosa escrita, nas celebracións e militancias, axudar a algo tan elemental como poder vivir en Galicia unha vida plena en galego, foi e seguirá a ser algo gozoso para este medio.

Cuestión de fe, cuestións de “fes”

Efectivamente, durante esta etapa, a revista Irimia sorprendía tanto ás persoas laicas militantes nas causas xustas da nosa hora, como ás que desde unha posición tradicional identificaban cristianismo con conservadorismo social e político. No fondo está o asunto do que, o se entenda e viva por “ser crente” por cada unha desas posicións, pode diferir substancialmente do que Irimia como colectivo promotor da revista entendeu e promoveu. Cómpre logo dar razón da nosa angueira, máis aínda nestes tempos nos que coexiste unha presunta post-relixiosidade xunto con, en sentido diametralmente oposto, o rearme dunha ultra-relixiosidade mentireira e folclórica ao servizo de novas formas de fascismo.

a revista sorprendía tanto ás persoas laicas militantes como ás que identificaban cristianismo con conservadorismo

No número 802 (xaneiro de 2010), recollemos na revista un texto homenaxe ao teólogo neerlandés Edward Schillebeeckx, con motivo do seu pasamento. Un texto breve e moi clarificador: “As persoas crentes ven na historia da liberación humana o rostro de Deus. As persoas non crentes non o ven; pero no nivel de liberación humana (o material da revelación de Deus) cabe que sobre este proceso falen tanto crentes coma non crentes unha linguaxe común. Daquela, o decisivo non é o expreso recoñecemento ou a negación de Deus senón a resposta á pregunta: Que lado elixes na loita entre o ben e o mal, entre os opresores e os oprimidos?”. Sobre esa base ábrese un mundo de posibilidades para unha cultura do encontro entre todas aquelas persoas buscadoras dun planeta sustentable habitado por unha humanidade na que medre o dereito, a igualdade na diversidade e a paz xusta. Iso ten concrecións históricas. E de novo un percorrido polos textos do papa Francisco resulta revelador e inspirador nesta “liña irimega”, anteriormente condenada con vehemencia por bispos e blogs ultras, así como paternalmente desaconsellada por outras voces “moderadas e conciliadoras”.

Postos a argumentar, tiñamos os nosos argumentos e intuicións. Son contundentes os principios, os textos da escritura que se mostran como “criterio de verificación” dunha fe auténtica, que apoian esa perspectiva que asumimos como nosa e que sinalan, sen prexuízo do cultivo de espiritualidades diversas, a “importancia da materia”, do “amor concreto”, do “proxecto histórico de humanidade”. “Se non amas a ese irmán/á que ves…. (1 Xoán 4:20); “Quen ama coñece a Deus. Quen non ama, non coñece a Deus. Porque Deus é amor.” (1 Xoán 4:7–8 ); Non quen di Señor, Señor, senón que fai…..(Mateo 7, 21); E cando te vimos famento, sedento, ……?; “A verdadeira relixión, pura e sen mancha, é atender aos orfos e as viúvas e conservarse limpo de corrupción” (Santiago 1,27).

“Matárono pola forma en que comía” (indicou o teólogo Robert J.Karris, e recordábanolo Pepe Chao con frecuencia), e con quen comía. Porque a cuestión ten moito que ver con onde nos situamos, con quen estamos, con quen compartimos sorte e proxecto histórico. A aínda máis, visto desde a cruz, o amor terreal, cotián, solidario e liberador -as veces con fatais consecuencias- é o lugar desde o que se experimenta o sagrado. É, efectivamente, a “vía auténtica”, o “criterio de verificación”, esencialmente inseparable, condición de posibilidade do “amor místico cristián” (non necesariamente doutros “amores místicos” que os hai feixes e moreas no supermercado global do supranatural).

As causas de Irimia

A etapa que agora conclúe tiña boas raíces, xa que a Irimia nace a principios do 80, e nace dun humus de terra lenta e propicia, unha época de futuro, cambio e esperanza. Tamén de proclamar aquel “Eu renazo galego”. E dunhas “alianzas virtuosas”: Os coloquios de parroquias (que eran “europeos” e fixéronse “galegos”), o colectivo Boa Nova (os cregos obreiristas de Ferrol), mocidade en movementos cristiáns de base e grupos diversos, os curas obreiros de Vigo e os agraristas de Lugo, Ourense…, mestres e mestras galeguistas, a Encrucillada, a Romaxe, cregos “represaliados” polo bispo integrista Temiño, as comunidades cristiás populares e os movementos de base, así como aquelas parroquias vivas e a mobilizadoras de barrios enteiros; a transición, unha Galicia moza, o contexto internacional e a teoloxía da liberación.

o decisivo é: Que lado elixes na loita entre o ben e o mal, entre os opresores e os oprimidos?

Pero aquel fervedoiro foi mudando. A sociedade cambiou e a renovación eclesial desde dentro foi estratexicamente freada. A sociedade secularizouse. Pero as causas xustas seguían aí. E empezaban polo próximo, como indicaba o lema ecoloxista: pensar globalmente, actuar localmente. Así, contracorrente, continuamos coa teima do “que lado elixes na loita entre o ben e o mal, entre os opresores e os oprimidos?”. Buscando ese lugar e esa linguaxe do encontro.

Repasando os nosos enfoques e acentos, os nosos temas e causas, na etapa que conclúe celebramos que sexan reveladores do que manifestamos no seu momento nun documento interno de traballo: de que hai unha maneira de vivir a fe cristiá como “experiencia de liberación…que non só non se contradí coa emancipación humana, coa loita pola integración das persoas excluídas, coa superación das diversas formas de explotación, coa curación de opresións psicolóxicas e relixiosas, ….senón que non é posible recrear a experiencia xenuína da fe cristiá sen estar no medio desa corrente humanitaria de liberación….pois xa asumimos que “fóra do mundo non hai salvación”.

Por iso, repasando os diversos números da revista nesta etapa que conclúe, vese como tomamos como propia a causa dunha sociedade con servizos públicos que garanta equidade e dereitos básicos; por iso nos poñemos a carón de quen defende o territorio, de quen o habita e cultiva en contra de quen especula e depreda; por iso nos rebelamos contra os xenocidios vestidos de guerra xusta; por iso nos puxemos na pel de quen se exilia por persecución ou emigra por fame; por iso apostamos por un planeta multicolor, pola nosa lingua e cultura galegas, herdo benquerido que queremos vizoso; por iso impugnamos a cultura machista e patriarcal; por iso nos fixemos eco de centos de pequenas experiencias e iniciativas solidarias, inclusivas, comunitarias ao longo e largo de Galicia….. porque en todo iso nos xogamos o que é realmente importante e decisivo.