Volve sorprender o papa Francisco cunha carta encíclica (Fratelli tutti) sobre a fraternidade, a solidariedade activa e a “amizade social”, con propostas e sabores novos, positivos, con boas noticias. Para entender a importancia do soño de fraternidade e de amizade social que propón Francisco hai que poñela en contexto: os líderes actuais das potencias planetarias, especialmente os que usan a relixión como “barricada” e fonte de lexitimación, están propoñendo xusto o contrario, levantando muros físicos e culturais, eliminando e ignorando o diferente, alimentando o odio e a mentira, desbotando a xente máis pobre e menos capaz.

Unha linguaxe nova para unha mensaxe nova

O acervo de novas expresións, de nova linguaxe, non é un formato moderno para dicir o de sempre. Francisco escapa á mantenta de calquera “guerra dialéctica impoñendo doutrinas”, e anima en positivo a liberarse do desexo -tan eclesiástico por outra parte- “de dominio sobre os demais”, así como a “espertar ao soño dunha sociedade fraterna”, propoñendo “unha forma de vida con sabor a Evanxeo”.

Denuncia unha política de espectáculo e veleno, dedicada a exasperar, exacerbar e polarizar

Non hai rastro dun esquema penitencial, culpabilizante, nin escuras ameazas, senón que a súa positividade arrinca, como camiño dunha vida feliz, dunha sorte de proposta interior: un amor que vaia máis aló das barreiras da xeografía e do espazo.

Tampouco non fala “a” nin fala “dun” club de elixidos, coas súas normas de pertenza e identidade pechada, senón dunha fraternidade aberta, que permite recoñecer, valorar e querer a cada persoa máis aló da proximidade física, máis aló do lugar do universo onde naza ou onde habite.

En definitiva, non escribe para os devotos. “Aínda que a escribín desde as miñas conviccións cristiás, que me alentan e me nutren,” -afirma de entrada- “procurei facelo de tal xeito que a reflexión se abra ao diálogo con todas as persoas de boa vontade”.

As ameazas dun presente que mete medo

Ver, xulgar, actuar. Francisco, identifica as grandes ameazas do presente planetario, e só lle falta poñer nomes e apelidos aos seus responsables (en realidade, non fai moita falta). E inaugura con certo éxito un instrumento de análise da realidade: a parábola do bo samaritano.

Denuncia unha política de espectáculo e veleno, dedicada a “exasperar, exacerbar e polarizar”; avisa dunha sociedade máis globalizada, que nos fai menos irmáns; e sinala unha gran mentira que se lle traslada á xente nova, esa de que con eles comeza a historia, sen ensinarlles as tremendas leccións desa historia.

Francisco volve a insistir nun sistema global que desbota unha parte da humanidade “sacrificable en beneficio dun sector humano digno de vivir sen límites” e nunhas regras económicas que miden o éxito en termos de crecemento, non de desenvolvemento humano integral. Tamén na persistente desigualdade entre mulleres e homes, e nas novas formas de pobreza e escravitude, reforzadas polas mafias a través de internet.

Todo enmascarado pola posverdade, que é a mentira de sempre, pois, como sinala “O que é verdade cando convén a un poderoso deixa de selo cando xa non lle beneficia”.

A proposta: abrir o mundo a unha fraternidade concreta, eficaz, estrutural

Parte a proposta dun elemento antropolóxico: a madurez humana “non se desenvolve nin pode atopar a súa plenitude se non é na entrega sincera de si mesmo aos demais. Isto explica por que ninguén pode experimentar o valor de vivir sen rostros concretos a quen amar”.

Alenta un programa para a inmigración e o refuxio: acoller, protexer, promover e integrar

A solidariedade en acción -desde o local ao universal-, que se propón como servizo, ten como núcleo orientador “coidar os fráxiles das nosas familias, da nosa sociedade, do noso pobo”. Unha acción que ten unha dimensión estrutural, política – de “boa política”- , pois implica “actuar en termos de comunidade […], loitar contra as causas estruturais da pobreza, a desigualdade, a falta de traballo, de terra e de vivenda, a negación dos dereitos sociais e laborais. Isto é, afirma, un “amor político”. É enfrontar os destrutores efectos do Imperio do diñeiro. […] “A solidariedade, entendida no seu sentido máis fondo, é un modo de facer historia e iso é o que fan os movementos populares”.

A proposta cuestiona os dogmas do liberalismo individualista e da dereita política -pretendidamente “católica”- , pois Francisco recorda que “a tradición cristiá nunca recoñeceu como absoluto ou intocable o dereito á propiedade privada e subliñou a función social de calquera das súas formas”. Máis en concreto: “O dereito á propiedade privada só pode ser considerado como un dereito natural secundario e derivado do principio do destino universal dos bens creados, e isto ten consecuencias moi concretas que deben reflectirse no funcionamento da sociedade”.

O cambio proposto afecta ás relacións internacionais, “porque non hai modo de resolver os graves problemas do mundo pensando só en formas de axuda mutua entre individuos ou pequenos grupos. Recordemos que a desigualdade non afecta só a individuos, senón a países enteiros, e obriga a pensar nunha ética das relacións internacionais.” E a xustiza esixe recoñecer e respectar non só os dereitos individuais, senón tamén os dereitos sociais e os dereitos dos pobos. E moi en relación co anterior, Francisco alenta un programa de acción para a dramática realidade da inmigración e o refuxio baseada en catro eixos: acoller, protexer, promover e integrar.

A achega de Irimia: nova sección

Queremos, como revista Irimia, facernos voceiros desta carta de Francisco, tan inspiradora e próxima ás nosas angueiras, pero sen caer en teorías desencarnadas. Pretendemos aterrar no concreto. Por iso abrimos unha sección ou serie de artigos baixo o epígrafe de “Irmandade aberta” no que combinaremos a difusión da mensaxe de Fratelli tutti coa reportaxe de experiencias concretas que xa están ilustrando e poñendo en acción as propostas “franciscanas”: solidariedade organizada, economía alternativa e colaborativa, acollida e integración de refuxiados, etc… Por certo: agradecemos suxestións.