O escenario en Ucraína, antes do 24 de febreiro, dicíase de nova guerra fría. En cuestión de días pasou a ser unha guerra quente, abrindo escenarios de pesadelo para Europa no seu conxunto. O mundo non é como nos gustaría.

Por máis que, en xeral, cando se trata de grandes conflitos, a información que nos chega sexa “pro-occidental” (neste caso pro-OTAN), no caso de Putin e o tipo de sociedade e gobernación que el representa, resulta difícil calquera equidistancia. Non podemos pasar por alto, precisamente agora, os vencellos e complicidades entre o réxime de Putin e a ultradereita europea, presente agora con forza e en aparente ascenso, tamén na península Ibérica.

Non hai que infravalorar a estupidez humana: todos os escenario son posibles

Pasados algo máis de trinta anos, o resultado da caída do réxime soviético pasou por varias etapas. O resultado final foi a emerxencia dun estilo de líder e de sistema económico e político que uniu o peor dos dous mundos: pola parte política, un autoritarismo machista e personalista -que chega a límites criminais, como a eliminación física de disidentes políticos e xornalistas- e unha falta total de rendición de contas; e, no económico, un capitalismo salvaxe, desrregulado e corrupto, que creou as condicións dunha desigualdade brutal entre a xente do común e os “oligarcas da enerxía”, que habitan na “city” londinense e veranean en Marbella.

Non podemos facer historia ficción, pero o resultado da evolución da Rusia pos-soviética podería ser algo diferente ou, cando menos, a actitude de “occidente” -liderado por unha OTAN que quedaba sen inimigo e sen sentido- non axudou precisamente a construír unha Rusia máis democrática e con menos argumentos para a lóxica militar. Máis ben ao contrario, aproveitouse a debilidade económica de Rusia nos 80 e 90 para incumprir o pactado con Gorvachov, os acordos de París e os posteriores de Minsk. E con eses incumprimentos alongouse o territorio OTAN practicamente ás fronteiras mesmas de Rusia -o que inclúe mísiles balísticos apuntando ao leste-.

O responsable da invasión de Ucraína é Putin, unha personalidade perigosa, que lidera unha potencia que non é económica nin tecnolóxica, senón exclusivamente militar e nuclear. Pero a súa consolidación no poder, ademais das súas prácticas criminais e corruptas, ten que ver coa teima expansionista da Alianza Atlántica e o enorme argumento que esa “ameaza” lle outorga a Putin. Non hai que infravalorar a estupidez humana: todos os escenario son posibles.

Desbotado o enfrontamento militar con Rusia -supoñemos que os patriotas de Vox, Le Pen e compañía estarán de acordo nisto, aínda que só sexa por proximidade ideolóxica co inimigo- só queda o das sancións económicas, que as pagarán, en ambos lados, as clases traballadoras, os vulnerables e, en xeral, aqueles que xa o estaban pasando fatal.