Unha vez que convences aos teus de que tes un aliado divino, a túa barbarie queda santificada.
A relixión, as relixións, teñen unha histórica e irresistible tentación: particularizar, dividir, separar as persoas e os pobos “elixidos”, dos parias. E ao poder entusiásmalle esa idea, e canto máis tiránico, máis lle agrada. A “apropiación” por parte do emperador Constantino do cristianismo como relixión do Imperio, foi, en definitiva, unha carga de profundidade no máis orixinal do cristianismo: ese paradoxo de ser unha relixión contra-relixiosa, unha relixión minimalista, centrada na parabólica, humanista e revolucionaria imaxe dunha mesa compartida na que caben todas e todos, na que o xuízo, o divino criterio, non provén da orixe, nin da pureza, nin sequera da pertenza, senón do amor-en-acción, do que se fai co sedento, coa famenta, co desposuído, coa explotada, coa debilidade deste mundo e, por suposto, coa vítimas indefensas dunha historia de guerras -demasiadas delas en nome das relixións.
Se alguén pensou que as relixións, así “malentendidas”, eran cousa do pasado nunha era científico-tecnolóxica, patinou. A instrumentalización do sentimento relixioso polo poder, mesmo para xustificar o inxustificable (ou máis ben, exactamente para iso) é un fenómeno crecente. E moi perigoso. Unha vez que convences aos teus de que tes un aliado divino, a túa barbarie queda santificada.
Esa pegada está no goberno de Netanyahu, co seu neomesianismo, cando invocando a Iavé, Deus dos Exércitos, masacran a quince mil nenos e nenas da “humanidade inferior”, contaminados por seren de “fóra” do pobo elixido. E, complementariamente, está no réxime dos aiatolás (palabra que significa “sinal de Alá”). E está tamén nas visións e estilos da anti-política que transmite Trump, salvado por Deus con man poderosa dos intentos de magnicidio. E non en menor medida estaría en Putin, devoto ortodoxo de última hora.
Os nostálxicos do nacional catolicismo están moi motivados. Rezan o rosario anticomunista diante das sedes socialistas, organízanse en asociacións “cristianas” de todo tipo para tumbar os avances en dereitos e igualdades, descualifican por herexe peronista ao Papa Francisco.
Por certo, Francisco expresou recentemente un gran optimismo ecuménico, indicando que “todas as relixións son camiños cara a Deus. Son diferentes idiomas que expresan o divino”. Probablemente si; esa sería a cara da moeda. Pero unha vez instrumentalizadas polo poder inxusto e aguerrido poden resultar precisamente en todo o contrario; esa sería a cruz, nunca mellor dito.