O pasado ano, 2020, tocaba celebrar a 43ª Romaxe en Arzúa. A pandemia interrompeu unha longa tradición. Non obstante, no ano do confinamento sanitario a Asociación Irimia organizou unha serie de celebracións “romaxeiras” en moitos lugares, tanto de Galicia como de fóra de Galicia, e conectámonos por WhatsApp. Daquela chamámolas “rumores de romaxe”. Foi un experimento que funcionou, que seguro que tivo os seus fallos e os seus acertos. En todo caso serviu para abrir unha posibilidade de cara ao futuro: utilizarmos as novas tecnoloxías e as redes sociais para enriquecer e facilitar a participación nas nosas celebracións.

Romaxe da Irmandade Aberta, porque na vulnerabilidade xermolaron as máis diversas solidariedades

Unha vez aberta a posibilidade de celebrarmos de novo a Romaxe, de maneira aberta e sen limitacións sanitarias tan estritas, retomamos o plan de xuntármonos en Arzúa. Agora si, para celebrar a Romaxe XLIII. Efectivamentre a evolución da pandemia a principios do verán e o ritmo de vacinación indican que será posible. Non obstante as variantes do virus poden dar sorpresas e estaremos ao que se diga por parte das autoridades sanitarias.

A pandemia deixou unha pegada de dor, soidades e desconcertos. Probablemente a todos e a todas nos afectou nalgunha maneira. Algún deses efectos pode ser menos perceptible, como a desmobilización interior, un certo cansazo existencial, unha ferida na esperanza. Porque a comunidade, o encontro, a conversa e a festa compartida alimentan o noso interior.

Por iso, máis ca nunca, no medio da contrariedade e da limitación, precisamos reencontrar, reencontrándonos, a presenza poderosa e insubmisa do Espírito creador, materno, inspirador de cambios positivos. Esta será a Romaxe da Irmandade Aberta, e celebraremos como diante da vulnerabilidade medraron as mostras das máis variadas solidariedades. Como desde as portas da enfermidade, do esfarelamento social, do abatemento, sentimos a chamada agarimosa, rexa, urxente de erguernos e andar.

Esta é a razón e o fío condutor desta nosa Romaxe galega de crentes (pospandémica? Oxalá!!!), sexa grande ou pequena, con bozo ou sen el, igual ou diferente: coller forza e inspiración na Irmandade Aberta, cos pés na nosa terra, co alimento da Boa Nova, para non lle fallar á vida cando máis precisa de nós.