O pasamento de Ignacio González Faus, xesuíta e teólogo que marcou unha época de apertura e compromiso no pensamento teolóxico, fíxonos revisitar emotiva e mentalmente o seu estudo sobre Xesucristo, chamado “A humanidade nova”. Nunca tan acaido e actual ese título que contrasta e pon en evidencia unha realidade global onde os vellos “cruzados” -conquistadores en nome da Cruz- impoñen a lei do máis forte nun planeta ferido.

J.L. Pinilla, compañeiro de Faus, recordounos nun recente artigo1 aspectos daquela mensaxe de Faus que tan suxestiva se fai para celebrarmos unha semana santa e unha pascua diferentes, renovadas e ben actuais cos tempos que corren:

a Humanidade Nova é un berro de esperanza que derruba fronteiras e abre camiños de xustiza

“González Faus, na súa obra “A Humanidade Nova”, lémbranos que a radicalidade da mensaxe cristiá non reside en abstraccións celestiais, senón na proximidade dun Deus que camiña connosco, que chora connosco, que sofre e se alegra connosco. Crer no Deus humanizado é descubrir que a súa encarnación non foi un episodio distante, senón unha chamada incesante a transformar o mundo desde dentro. …

Humanidade Nova que aspira á novidade da vida supón tamén seguir alimentados por unha mesma esperanza: o gran de trigo que morre para dar froito, a espiga que se alza luminosa sobre os campos da historia. Humanidade Nova é a carne de Cristo en cada rostro marxinado, é o rumoreo de Dios nas gretas da inxustiza, é a compaixón feita xesto, pan partido, viño compartido.

A vida nova non é un vídeo dourado propagandístico e mentireiro -sobre todo por excluínte- que reflicta a vida duns poucos. Fronte á soberbia e a prepotencia de quen, como Donald Trump, levantan muros e proclaman grandeza desde o egoísmo, a Humanidade Nova é un berro de esperanza que derruba fronteiras e abre camiños de xustiza. A arrogancia que despreza ao débil e a política que exclúe ao estranxeiro son a antítese da mensaxe cristiá. A verdadeira grandeza non está en acumular riquezas nin en exaltar o propio nome, senón en servir, en acoller, en construír un mundo onde ninguén sexa descartado.