Un libro sobre Benito Mussolini (M. O fillo do século, de Antonio Scurati) é o fenómeno cultural actual en Italia, con 500 000 exemplares vendidos e traducido a máis de 40 idiomas. Quen o diría hai dez ou vinte anos: o Duce como motivo central dun supervendas, un século despois.

O autor denuncia como hai cada vez máis xente –facendo un paralelismo con aqueles tempos de entreguerras– disposta a cambiar as liberdades democráticas, coas súas regras de xogo, por unha serie de promesas de protección. A democracia logo, propón Scurati, está en perigo, pero non porque haxa grupos que volvan alzar o brazo fascista, senón porque moita xente súmase á idea de que o sistema democrático é ineficaz e prescindible e que non garante a protección contra os perigos que axexan unha cidadanía á defensiva.

O terreo aboado para o crecemento do fascismo é ese. Unha incerteza, unha inseguridade que se converte en medo concreto cando os iluminados lle poñen nome ao inimigo: inmigrantes, separatistas, ou –como parece que agora volve a conta do famoso pin parenral–, “comunistas”.

Que nos queda? Contrarrestar. Crear contracorrente. Construír espazos e momentos.

A partir de aí, creado o medo e identificado o inimigo, constrúese un discurso de simplificación e de brutalización da linguaxe. Bótase a lingua a pacer e dinse cousas que nunca se ousaban dicir. “Ese si que fala claro”. Ábrese a veda. Desátase a víscera. Comezan as cacerías.

Que nos queda? Contrarrestar. Crear contracorrente. Construír espazos e momentos nos que se intercambie, se reforce e se celebre todo o contrario. Afirmar, como na próxima Festa do Lume de Irimia, no Mosteiro de Bergondo, que aspiramos a unha humanidade sen fronteiras. Ou coas menores fronteiras posibles.

Acompañar a quen está tecendo un discurso da solidariedade –que é a “tenrura dos pobos”– para cos inmigrantes e refuxiadas non implica ningunha inxenuidade. A tarefa é complicada. Non se pode ser negacionista do choque cultural e relixioso, da tendencia ao gueto, da enorme empresa colectiva que implica dar formación, traballo e integración humana e social ás familias que veñen de lonxe, fuxindo, como mínimo, da pobreza extrema.

Pero esa empresa colectiva é a que paga a pena, a que temos que esixirnos e esixirlles aos nosos gobernantes. É o reto dos tempos. É, cando menos, tan desafiante salvar o planeta como construír unha fraternidade eficaz que nos salve a todos e a todas, incluíndo os máis empobrecidos, dun desastre humanitario.

Estamos a tempo. Por que non?