Neste número facémonos eco de dous movementos de reacción contra senllas actuacións dos poderes públicos en Galicia: a supresión e redución de centros de educación de primaria e infantil e/ou do seu transporte (os casos de Baamonte, Navia, Baralla, O Courel), e a aposta por un modelo de macroparques eólicos concedidos a grandes empresas -algunha estranxeira, como a estatal norueguesa Statkraft- que non ten en consideración as comunidades locais nin os seus diversos impactos. Poderiamos tamén falar dunha terceira medida recente, ben simbólica, como é a do triunfo do lobo sobre o gandeiro e a labrega: o lobo pasa a ser especie protexida ao norte do río Douro. A xente de aldea, a pequena explotación agraria galega, nunca conseguiu ese nivel de protección.
acéptase un destino fatal: a morte das comunidades rurais galegas, unha profecía autocumprida
En todos eses casos estase aceptando un destino fatal: a morte das comunidades rurais galegas. É unha profecía autocumprida: “como vai pasar si ou si, como xa pasa, para que tratar de imaxinar e planificar un futuro alternativo”. Así que a mensaxe é: “liscade de aí que é terra para os lobos”, os de toda a vida, …e os outros, os de dúas patas e un gran capital ao que quitar beneficio.
O curioso é que se quen fai as políticas e toma as decisións tivese conta das súas raíces percibiría outras posibilidades e oportunidades. Na entrevista a Alicia López Pardo ponse de manifesto como se está dando o paradoxo de que nun momento no que hai xente nova con fillos que vive en áreas periurbanas e vilas e que os quere matricular en pequenas escolas rurais -procurando un ensino que achegue algo distinto- encontra todo tipo de dificultades, comezando pola maior: esas escolas estanse pechando ás primeiras de cambio, sen remisión.
Igualmente, polo diario Nós, sabemos que un dos informes presentados á Comisión para a Reactivación da Galiza e denominado: “Resiliencia, Reagrarización e Poscrecemento na Galiza poscovid”, sinálase a conveniencia de recuperar a vocación agraria de Galicia como actividade imprescindible. A produción de alimentos de calidade desde a proximidade é unha estratexia de futuro xa que, como alerta o documento, hai unha crise enerxética “ás portas”, debido ao declive das fontes fósiles de enerxía, nomeadamente o petróleo, do que depende o transporte e mais a agricultura industrializada.
Con permiso dos lobos, igual no futuro hai que rescatar o territorio e restaurar pradeiras e labradíos.