Hai eleccións aí na volta. Son para os concellos. Anticipámonos ao que se nos vén enriba e temos que esixir que o foco se poña nas cousas realmente importantes, as que marcan a diferenza nos modelos de territorio, de vila, de cidade. Que non nos adormezan con localismos, con xenreiras madrileñas, con caciqueos ou proxectos faraónicos.

Aos concellos, grandes ou pequenos, máis ou menos urbanos, con máis ou menos aldeas, correspóndenlles competencias e responsabilidades en asuntos que teñen que ver coa vida cotiá, co próximo, coa pan de cada día.

Que non nos adormezan con localismos, con xenreiras madrileñas ou proxectos faraónicos

Deberiamos saber cal é a visión de futuro de cada quen. Ese é o primeiro debate: como vai ser este concello en dez, vinte cinco ou cincuenta anos. Porque o longo prazo conta, non unicamente os catro anos do mandato electoral seguinte. Hai desafíos de contexto global que son compartidos: a crise climática, a transición demográfica, a mobilidade factible e sustentable etc…; e, ademais, cada concello ten os seus propios desafíos: o abandono de aldeas e a soidade dos que as habitan; a presión turística e o seu efecto na imposibilidade de exercer o dereito a unha vivenda asequible; a inclusión social; un urbanismo para as persoas e o común; … Os concellos da costa e as cidades turísticas aspiran ao modelo Marbella? Os concellos interiores, en agudo devalo demográfico, teñen simplemente que deixarse ir e morrer de morte matada?

Os retos son diversos e podemos citar algúns que non se debían obviar:

Mobilidade e conectividade. Facilitar e/ou esixir redes eficaces de transporte de persoas, económicas e sustentables. Recuperar o tren (porque, ademais do AVE a Madrid, hai aínda a posibilidade de usar os camiños de ferro para vertebrar o territorio). Un transporte metropolitano non só radial (centro-periferia), senón que conecte, coma unha arañeira, as periferias entre si. A mobilidade nas aldeas é un desafío en si mesmo. Fai falta imaxinación, pero nesa posibilidade de transporte de xente está un dos piares para estabilizar zonas en declive demográfico. O outro é a conectividade: a internet de calidade que facilite novas actividades.

Inclusión dos novos galegos e galegas. O concello debe anticiparse aos problemas e intermediar na integración social e laboral de persoas traballadoras que veñen doutros países procurando unha nova vida.

Urbanismo verde. A crise climática e ambiental condiciona todo. A urbanización debe integrar e non arrasar a natureza. Galicia é un lugar privilexiado para un deseñar un habitat rur-urbano, atlántico, híbrido e con moderada pegada de carbono.

Atesourar o noso riquísimo patrimonio: material (paisaxe, arquitectura etc.) e inmaterial (lingua, tradicións…). Nunha globalización que todo o iguala e estandariza, as culturas particulares son un tesouro. Marcan a diferenza, crean cohesión social, orgullo identitario. Os concellos deben respectar, nutrir e transmitirlles aos novos poboadores eses sinais de identidade.