Lingua proletaria do meu pobo, que dicía Celso Emilio. E tamén lingua guapa, festa do son, humor e amor cómplice, lingua para vivir Galicia -e o mundo desde Galicia, e Galicia como agasallo para o mundo- enteira e enxebremente, con raíz, expansiva e inclusivamente.

Lingua ferida, si. Porque os seus falantes, a estas alturas da historia -historia contada por outros-, seguen sen aceptar que é a lingua dun país, a marca de identidade dunha comunidade histórica e dun territorio, nin mellor nin peor ca outros, pero si a matria que nos fai ser como somos. Lingua en perigo, abofé, na súa enxebreza léxica, sintáctica e fonética, agora que no seu reservorio secular, a aldea galega, pasa o que pasa.

Pero en Galicia, na lingua de noso -ese outro Pórtico da Gloria inmaterial, que dicía Castelao- pasan cousas. Hai vida e resistencia; creación e actividade; festa e esperanza.

Na lingua de noso hai vida e resistencia; creación e actividade; festa e esperanza

En galego rexorden artistas novas, música con calidade e innovación: Néboa, Caamaño & Ameixeiras, Antía Muíño, Caldo… E en galego nenas e nenas escoitan e cantan cousas tan xeitosas como “lingua guapa” do recente libro-disco de Fina Casalderrey: Teño unha lingua moi longa con quilómetros de historia. Leva palabras de azucre que aturuxan na memoria.

E cando se prohibe pola Xunta o uso do galego nas matemáticas, xorden na Facultade de Matemáticas da USC, proxectos como o de Estímulo do Talento en Matemáticas (ESTALMAT) en estudantes de 12 e 13 anos en Galicia, cun plan formativo en liña para 20-21. Ou o programa: Explícoche Matemáticas 2.0., que presentan así: Matemáticas: habelas, hainas, seguimos querendo contarchas… Porque somos universais e non hai quen nos pare.

Temos un sector editorial con boa saúde, cunha nova fornada de profesionais especializados en importar ou revisar clásicos da literatura universal en galego, con editoras como Irmás Cartoné, Catro Ventos, ou Hugin e Munin. Sen esquecer que a Real Filharmonía de Galicia, no seu 25 aniversario, programou o seu precioso programa 20-21 en galego e en inglés: Emocións naturais. Natureza, vida e amor. Por iso, porque somos universais.

E produtores de alimentos como Gandería Quintián, Kalekoi, adegueiros das diversas denominacións, etc…, que seguen o impulso da plataforma “Galeguizar Galicia”, etiquetan en galego, como sinal de calidade. Porque a calidade galega é universal.

E hai historias de inmigrantes que aprenden máis galego ca moitos nativos, como na comunidade brasileira no Milladoiro que, grazas ás novas aulas de portugués, descobren que o camiño do portugués ao galego é moito máis curto e natural ca reviravolta de desaportuguesarse pasando polo español. Porque somos universais, non hai volta de folla.

E as nosas olímpicas Ana Peleteiro (Potencial medallista) e Teresa Portela (con seis xogos olímpicos seguidos) cóntannos as súas emocións en galego. Porque somos moi, moi universais.