Parece que dixerido e “normalizado” o coronavirus pola nosa inmunidade colectiva -posible e reforzada grazas ao sistema sanitario público-, fomos recuperando normalidades.

fomos tecendo novas maneiras de vivir e celebrar unha espiritualidade radicalmente ecuménica

A Romaxe é unha desas normalidades que hai que recuperar, mesmo, se cómpre, doutra maneira. Nin a situación de Galicia nin a súa demografía nin, por suposto, a súa socioloxía relixiosa son as mesmas ca nos anos 80 ou 90 do pasado século. A nosa propia maneira de vivir e “contarnos” a experiencia crente é diferente. Ten que selo. Os tempos cambian. Hai tempo que -tamén grazas á Romaxe- fomos tecendo novas maneiras de vivir e celebrar unha espiritualidade radicalmente ecuménica, afondando na nosa experiencia humana e militante en espazos laicos, para buscar ese fondo común co que entrar en diálogo e comunicación con persoas honestas e comprometidas nas causas que fan posible unha humanidade mellor, ecolóxica, coidadora, diversa, igualitaria, feminista, xusta e inclusiva. En calquera caso, a Romaxe está aí para encontrarnos, agradecermos xuntos e celebrarmos a fe e a esperanza. E esas oportunidades non sobran.

Normalizar a Romaxe normalizando as novas realidades. Sabendo que a súa base social e eclesial non é a mesma, que xa non existe aquela enorme rede de párrocos -como o recentemente defunto Ramón Raña- imbuídos do espírito reformista do Vaticano II, comprometidos coa xente nunha sorte de teoloxía galega da liberación, capaces da síntese entre eucaristía e organización e promoción veciñal. Párrocos que eran testemuñas dunha fecunda e imparable combinación entre fe cristiá e militancia cívica, política, galeguista.

Moncho Valcarce era un deles. Unía mística persoal e compromiso nacionalista nunha Galicia convulsa, no tardofranquismo, naquel momento no que eran imprescindibles voces que no nome do pobo sinxelo lle dixesen ao mundo, á clase política dominante no Estado e aos grandes monopolios que Galicia non era un ermo que explotar a feito e sen reparos, senón un pobo, unha terra e unha fala. Cun futuro de seu. Parafraseando o teólogo holandés Edward Schillebeeckx, diríase que Moncho vivía, con total e mística naturalidade, que “fóra do pobo non hai salvación”.

A Romaxe deste ano 2022 partirá desa traxectoria existencial do crego das Encrobas, agradecerá e revisitará o seu percorrido e afondará e actualizará a súa experiencia e o seu legado. Queremos celebrala “no seu territorio”, nas parroquias de Culleredo, pero desafortunadamente, por dificultades co concello, de momento non podemos precisar o sitio. Só a data. Anotade: 10 de setembro. Vide. Temos que vernos.