A gaivota empequenece. Os populares, por moitas voltas que lle dea o presidente da Xunta, perden votos e moito poder territorial despois das eleccións municipais. Tamén en Galicia, onde, iso si, voa mellor ca noutros sitios, sen necesidade de apoiarse no franquismo renacido de Vox.
O efecto Sánchez e a fartura dun electorado mareado por tantas eleccións e espectáculos asociados favoreceu a concentración do voto. Sánchez fala dunha España diversa, que valora e quere esa diversidade, empeñada na igualdade de xénero, que afronta o desafío ecolóxico, que quere pasar a páxina da corrupción. Foi gañando consistencia e tivo premio, especialmente por comparación cos demais líderes estatais, por desbocados ou por reaccionarios. Sánchez fíxolle a campaña aos candidatos e candidatas municipais do PSOE en Galicia, algúns deles moi pouco coñecidos polos seus votantes. Dependendo dos pactos, o PSOE podería gobernar mesmo en seis das sete cidades galegas. E na maioría das Deputacións. O efecto Sánchez ten menos que ver con Vigo, onde o viguismo de Caballero non precisa de igualdades, ecoloxías, diversidades liguísticas ou tolerancia cero coa corrupción. É un fenómeno que se debe estudar.
Conselleiros e altos cargos da Xunta pasaron o día despois facendo números e cábalas. Feijóo mollouse na campaña. Visitou e revisitou as cidades. Pero nin así. Que pasará en 2020 na Xunta? Os desastres de Vigo, Santiago e Ourense foron con ex-conselleiros seus.
conselleiros e altos cargos da Xunta pasaron o día despois facendo números e cábalas
O BNG recupera nas europeas, cunha boa candidata. Pero a súa recuperación municipal é moi pequena. No espazo urbano non recolle de forma significativa o voto que deixan as mareas, cuxos votantes non o perciben como a súa alternativa política e segue a ser unha forza moi minoritaria en todas as corporacións, agás en Pontevedra e Lugo. Na Galicia rural e intermedia terá a oportunidade de demostrar capacidade de xestión eficaz, limpeza, inclusión e bo goberno en clave galega en arredor de vinte e catro concellos. Esa será a conta de resultados que poderá presentar de cara a un posible cambio de ciclo na Xunta para 2020. Se hai cambio daquela, será a través do acordo. Terán logo que cultivar esa cultura do pacto.
Dito todo o anterior, o tema de reflexión é o desastroso resultado das candidaturas de confluencia: Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común. Xa insistimos no seu momento que o espectáculo da des-confluencia, da intriga, do insulto en público pasaría factura. Non valía dicir que iso era cousa do “partido instrumental” (En Marea), en conflito cos outros partidos (Podemos, Esquerda Unida e, en menor medida, Anova). Non valía dicir que había que diferenciar entre o ámbito municipal e o estatal ou galego. Foron meses dándose paus en público e convertendo as súas desavinzas e loitas de poder internas no único tema polo que saían nos medios. E os medios, entusiasmados. Nunca houbo que mentir menos para cobrar as subvencións. O traballo déronllo feito.