Agora toca anticipar as catástrofes e previr os seus efectos. Están os nosos gobernos preparados?
Algúns decidiron non velo. A maioría non fixo os deberes a tempo. Hai que seguir insistindo na contención do cambio, pero xa estamos noutra fase: a de prepararnos para os efectos desa suba de temperaturas que non fomos quen de parar. Están os nosos gobernos preparados? É unha pregunta retórica á vista do acontecido no País Valencià e a maneira en que foi xestionado polo seu goberno autonómico. E máis aínda, agrandando o foco, coas ameazas de Donald Trump, quen ten negado reiteradamente que o cambio climático sexa un problema, a pesar de ser elixido nun ano no que se rompen todos os rexistros de quecemento global.
O 29º Cumio sobre o clima, en Bakú (Acerbaixán), celebrouse entre urxencias e temores. Entre os expertos e científicos hai debate. Hainos que manteñen que non hai esperanza de alcanzar un clima seguro sen unha acción substancial de Estados Unidos, China, Europa. Outros cren que o obxectivo está vivo, que é posible que a Unión Europea e China intensifiquen o seu liderado para cubrir o baleiro dos Estados Unidos.
Negar o cambio climático custa vidas. Non só implica non poñer os medios e sistemas de alarma e prevención necesarios, senón, ademais, seguir apostando polos combustibles fósiles, por un urbanismo depredador, un turismo non sustentable, unha agro-industria intensiva, contaminante e malgastadora da auga e unha realidade forestal caracterizada, como no caso galego, polo abandono e o monocultivo desleixado do eucalipto, no canto de procurar, como se propón nas páxinas centrais deste número, o coidado e a diversificación, con medidas básicas e concretas a medio prazo como a recuperación de soutos, a gandería en extensivo ou a madeira de calidade.
Non. Non son tempos para gobernar – ou facer oposición- pensando só nas próximas eleccións.