O paso dado por Sudáfrica para deter o masacre en Gaza estivo cheo de significado. Tivo que ser Sudáfrica, a exemplar, a imperfecta, a diversa; tivo que ser a terra na que se “inventou”, sufriu e superou o Apartheid a que logrou que o Tribunal da ONU tomase en consideración unha solicitude de medidas cautelares -paralización da ofensiva israelí- por indicios de posible xenocidio.

As “simpatías” das nosas forzas políticas por un ou outro modelo, din moito da súa calidade democrática

O bispo anglicano Desmond Tutu -Nobel da Paz en 1984-, a quen Mandela chamou “a voz dos sen voz”, deixounos reflexións inestimables sobre o proceso surafricano e a filosofía política da Comisión pola Verdade e a Reconciliación que el mesmo presidiu. En 2004, resumía1: “Pensábase que un goberno liderado por negros sería unha orxía de vinganza contra os brancos… Pero o mundo quedou pasmado ante tanta nobreza de espírito, tanta magnanimidade por parte das vítimas das atrocidades máis espantosas, que moitas veces perdoaban aos seus verdugos e mesmo chegaban a abrazalos…. Todos estabamos traumatizados, feridos polo horror do apartheid e a Comisión axudou a abrir feridas supurantes, limpounas e derramou sobre elas bálsamo para axudar a curarnos aos feridos desta fermosa terra. Non o valoramos, pero basta con mirar a Oriente Medio, onde a vinganza conduce a un terrible ciclo inexorable de represalias que provoca contra-represalias ad infinitum.”

Curiosamente, a coalición de ultradereita gobernante en Israel – con ortodoxos e tradicionalistas- desdeñan a Biblia. O Testamento Xudeu importou do código de Hammurabi a “lei do talión”, que foi un gran avance. Cambiaba a vinganza sádica e desproporcionada por unha xustiza retributiva. No Levítico di: “A quen manque ao seu próximo, faráselle a el o mesmo, fenda por fenda, ollo por ollo, dente por dente”. A matemática do odio fainos botar de menos ese equilibrio da “lei do talión”, que considerabamos moralmente superada por historias como a sudafricana.

Van superarse os 30.000 mortos palestinos, máis de 70.000 feridos. Por cada asasinato de Hamas superaremos os 25 mortos gazatís, dous terzos deles, nenas, nenos e mulleres. En campos de refuxiados, en hospitais, en lugares de culto, en “zonas seguras”, en estradas polas que fuxían. Pode ser que esa dereita extrema considere que eles non matan nin amputan “próximos”, senón “alleos”, o que sería unha perversa xustificación presuntamente bíblica, pero contraditoria coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos da que Israel é signatario.

Suráfrica e Israel representan modelos opostos. Nin a paz, nin aínda menos a guerra, se poden deixar en mans das dereitas extremas. O odio e a vinganza non poden ser os motores dos estados que se din democráticos, nin dos seus exércitos. Sería a fin do que nos vai quedando de humana civilización.

As “simpatías” das nosas forzas políticas por un ou outro modelo, din moito da súa calidade democrática e moral.