Adoutrinar ou non adoutrinar, velaí a cuestión. Pero antes, deberíase saber de que se fala cando se fala de “adoutrinar”. Co inicio do curso, a consellería de Educación entrampouse nunha silveira inesperada. Máis non é un debate inocente nin pasaxeiro, senón, polo momento e o contexto, moi revelador das servidumes do goberno autonómico con grupos empresarias enerxéticos- e as famosas portas xiratorias. Tamén, por extensión, dos vaivéns do discurso do PP no conxunto do Estado e os argumentarios ultras importados -sen aparente necesidade- nunha Galicia carente presencia institucional de Vox.

Agora que na escola se trata de traballar con proxectos escolares transversais, que motiven, que teñan que ver coa realidade próxima, que teñan raíz no territorio, na comunidade local e na actualidade como parte da historia viva e dinámica, … Como ignorar o acontecer, o debate, o diagnóstico científico, ecolóxico, histórico, económico etc.?

Un consenso sobre igualdade, inclusión, diversidade lingüística, o medio ambiente, e os dereitos humanos é moito mellor que todo o contrario.

Como desenvolver un proxecto transversal nun centro da ría de Arousa sobre o potencial biolóxico, marisqueiro e económico da súa ría sen pronunciarse sobre os efectos dunha perda da calidade das augas ou dun incremento da súa temperatura por causa dunha macrocelulosa rexeitada no veciño Portugal? E en Terra de Montes, como ignorar o debate sobre as consecuencias ecolóxicas e sociais dunha minería como a de Doade, da que falamos neste número?

Ou como explicar o acontecer internacional eludindo unha análise sobre o dereito internacional humanitario, sobre o concepto de xenocidio, sobre a razón de ser da ONU, sobre a historia dramática do pasado século. Tratarase quizais de eludir todo “risco” de polémica e centrarse, como no franquismo, nunha laudatoria e sen complexos adoutrinante historia dos reis Católicos e do Imperio Español?

Non será que o problema de fondo é que a ultradereita está conseguindo cambiar os marcos da conversación pública así coma os consensos básicos, eses “grandes acordos” que se daban por suposto como moral e politicamente aceptables pola maioría da sociedade?

Non é unha cuestión menor, porque aínda que non se levaran a pleno efecto nin se profundasen o suficiente, estarmos como sociedade de acordo en que a igualdade, a inclusión, un estado protector, o respecto á diversidade cultural e lingüística, un medio ambiente respectado, e unhas normas internacionais baseadas nos dereitos humanos de todas as persoas etc, son algo moito mellor que todo o contrario. Nas ditaduras e nas súas escolas non hai debate aberto, nin análise, nin rigor científico, nin proxectos educativos transversais … nin moito menos neutralidade ideolóxica.

© Fotografía: Balsas mineiras no Monte Neme