Celebrouse na Coruña, cos pertinentes protocolos COVID, unha nova edición de Acampa, coincidindo coa Romaxe de Arzúa. Un quinto encontro, internacional, aberto a pé de rúa, “pola Paz e o dereito ao refuxio”; unha edición centrada na “vida negada”, facéndose eco de tantas vidas ás que se lles nega a existencia ou a dignidade en todo o planeta, dando voz nos debates a relatores internacionais, activistas de Dereitos Humanos, fotoxornalistas e líderes indíxenas.
Nesta edición habilitáronse sete exposicións fotográficas -abertas até o 10 de outubro- nos Xardíns de Méndez Núñez con imaxes sobre o espolio e as súas dramáticas consecuencias, esas ás que moitas veces permanecemos alleos cando consumimos recursos roubados a moita distancia de nós.
Non podemos dar por supostos os dereitos humanos. Son tarefa de cada día
Como indica a propia organización, “Acampa” é un elemento de sensibilización da sociedade, desde abaixo, facendo da conciencia solidaria algo connatural e familiar no día a día dunha cidadanía democrática. Toda unha vacina contra o virus da desconfianza, do medo, da xenofobia coa que o discurso da ultradereita trata de encirrar a xente contra os que consideran diferentes e con menos dereitos. Como se houber dúas especies humanas.
Na burbulla europea, da que formamos parte, distraémonos demasiadas veces das consecuencias que o noso modo de vida, de produción e consumo conleva noutros pobos e culturas. É o “sistema”, do que somos, cando menos en parte, beneficiarios, o que produce saqueo e conculcación dos dereitos humanos en moitas comunidades do planeta.
As voces de lonxe resoaron en Acampa. Pero non convén perder de vista as situacións de desprezo dos dereitos humanos que “o sistema” produce ben preto de nós. Traemos neste número unha entrevista que denuncia a situación indignante coa que determinadas empresas agrarias intensivas e orientadas á exportación que desembarcan en Galicia tratan a súa man de obra. Son modelos nos que a explotación das mulleres e homes sen dereitos laborais van inexorablemente unidos a unha explotación intensiva da terra e da auga, a unha degradación do medio natural.
Galicia, Europa en xeral, non pode dar por supostos os dereitos humanos. Son tarefa de cada día, son unha guerra palmo a palmo contra os abusos dun “sistema” que xera desigualdade, deterioro ambiental, expolio dos países do Sur e abuso inaceptable das persoas.