Neste simbólico e triste ano 2020, cúmprense cen da aparición da revista Nós. Unha revista na que colaboraron os persoeiros máis senlleiros da xeración a que lle deu o seu nome. 144 números, máis de 3.000 páxinas, 250 autores e trece anos de andaina ao servizo de Galiza, a súa cultura e a súa xente; un monumento de amor ao pobo galego e a cultura do seu tempo.

A “xeración Nós” foi o colectivo máis xenial e frutífero da historia galega

A “xeración Nós” foi o colectivo máis xenial e frutífero da historia galega. A ela pertencen tres xigantes da cultura galega: Castelao, Otero Pedrayo e Risco. O seu compromiso coa cultura e o pobo de Galiza sentaron as bases do galeguismo, e aínda do nacionalismo galego. “Hoxe constitúen non só obrigado, senón aínda máis, devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xeneroso”, dixo Xosé Chao no “Limiar” ao libro de Victorino Pérez A xeración “Nós”.

Os home da xeración “Nós” chegaron ao seu compromiso coa Terra, o pobo e fala despois de moitos rodeos polo mundo adiante, buscando paraísos exóticos –“despois de tantas voltas, reviravoltas e trasvoltas”, como expuxo magnificamente Otero Pedrayo en Arredor de si–, e como froito dunha fonda conversión, pero acabaron dando a Galiza o grupo de xente máis cumprida e xenerosa que endexamais traballara por esta terra, este pobo e esta cultura.

O grupo Nós tivo a súa visibilidade sociocultural e histórica fundamentalmente a través da revista Nós. A publicación foi fundamentalmente iniciativa de Vicente Risco, o seu presidente, coa “Sociedade Nós” en Ourense. Ademais do grupo ourensán, participaron outros grupos espallados por toda a xeografía galega e de fóra de Galiza: o grupo de A Nosa Terra da Coruña, o de Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo, o de Ronsel de Lugo, o Seminario de Estudos Galegos de Compostela, as Mocidades Galeguistas do Partido Galeguista, a Federación Universitaria Estudantil de Santiago, etc. Pero o seu nome –todo un manifesto de afirmación galega– foi proposto por Castelao, que fixo o deseño da cabeceira e de todas as súas portadas.

Características fundamentais da xente que fixo Nós foron a súa xenerosidade e bondade, unidas ao amor pola súa terra e as súas xentes, a súa fe inquebrantable, a súa creatividade e a súa capacidade incansable de traballo. Unhas características escasas nos nosos tempos de distopía, nos que estamos cansos de case todo, menos de recibir o soldo a final de mes ou os ingresos que permitan ter a conta bancaria ben cuberta. Cumprirá recobralos?